Camiño de Santiago
Terceira etapa: Allariz-Ourense
 |
Saída-Allariz |
Día 25 de abril. Son as nove da mañá. Estamos na preciosa vila de Allariz. Chove. Preparámonos cos capuchóns, botas e, algúns, cos paraugas. Comezamos a andar polas rúas empedradas da vila. Cruzamos a ponte "romana" do río Arnoia. De momento imos por chairo e asfalto. Cada vez chove máis. Sentimos uns tronos. Vemos os traliscos. A auga bate con forza na estrada. A que nos cae enriba escorre pola capa e vainos mollando as pernas e os pés. Lástima dunha curoza dos nosos avós! Volve tronar. Hai certo medo, pois empezamos a subida pola a aldea de Rubiás. Agora temos unha boa ladeira que subir!
 |
Comadres e compadre
|
Deixamos o asfalto e imos por carreiros enlamados. Hai sitios difíciles de pasar. Ás veces subimos ás bouzas da beira e pasamos entre xestas e silvas.
 |
Comadres |
Ao pouco tempo atopamos un camiño cheo de auga. Parece imposible cruzar. Uns van indo pola beira, outros soben, incluso, a unha parede de pedras da poula do lado. Máis adiante volvemos atopar un tramo semellante. Vaia día nos tocou! Chuvia, trebóns, lama, camiños repletos de auga, regueiros desbordados, ... Chegamos a Turzás.
Continúa a subida polas contornas de
Santa Mariña de Augas Santas ata Armeá. Levamos a metade da traxecto. Mentras andamos lembramos a lenda da Santa. Tamén visitamos o xacemento romano do Monte do Señoriño. Trátase dunha vivenda romana asentada en bancais.
Agora xa comezamos o descenso polas carballeiras ata o lugar de Pereiras. Parou de chover. A roupa vai enxugando coa calor da mañá e do noso corpo. Pena do día por un percorrido tan fermoso, do que pouco puidemos disfrutar!
De aquí ata o alto do Cumial o andar é monótono. Última parada para repoñer forzas.
Xa avistamos a cidade de Auria. Baixamos polo lugar de Seixalvo. Aldea moi coidada, casiñas sorprendentemente ben reconstruídas, corredores de madeira chamativos, rúas empedradas e moi limpas.
 |
Paseo do Barbaña
|
Entramos en Auria pola beira do Barbaña. Xa non queda nada.Deleitámonos co paseo, as árbores, o río crecido e atoldado polas chuvias da noite anterior. Aclareou ao mediodía. Recollemos as roupas de auga.
 |
As Burgas
|
Chegada triunfal aos xardíns das Burgas. Foron 23 quilómetros en 5 horas e cuarto.
Agora toca gozar do bocata, da cervexa e da boa compaña!! Mereceu a pena. Vaia día tivemos!!
 |
Comida na Alameda
|
Serafín Vázquez, 26 de abril de 2021.