jueves, 3 de junio de 2021

 Camiño de Santiago

Última etapa: Ponte Ulla-Compostela

Son as 9 da mañá do día 30 de maio. Está un día espléndido de sol. Parece que imos pasar calor, sobre todo no último treito. Estamos ansiosos por empezar e, sobre todo, por chegar a Compostela. O primeiro tramo será un pouco difícil pola pendente, cunha boa subida. Camiñamos animados e lixeiros, pois está a mañá fresca e imos pola sombra das carballeiras. 

 

Pico Sacro
Despois de hora e media xa pasamos o peor, ou iso cremos. Estamos á altura de Lestedo e ao fondo o Picro Sacro. Xa repuxemos forzas con froita, auga e unhas ricas roscas feitas pola comadre, Berta. 


Comadres. Santa Lucía
Camiñamos lixeiros e chegamos a Susana. Xa avistamos no fondo Os Tilos e Montouto. Levamos case a metade do traxecto e comeza a quentar o sol. O camiño parece unha serra, con subidas e pequenas baixadas. O grupo cada vez está máis estirado. Ás veces coincidimos con outros compañeiros e ao pouco xa imos nós os tres sós. Por aquí escasean as sombras. Algúns quéixanse pola calor pero logo chegamos a Santa Lucía. A igrexa e a contorna son preciosas. O regueiro de Angrois engádelle máis beleza. 

Angrois
Imos ao par do rego un pouco e debaixo de amieiros, sabugueiros e carballos. Agora a subida faise máis difícil, pois as forzas van a menos. Ao pouco, outro peregrino pásanos coa súa bici. Tamén lle custa subir. Levamos xa catro horas e preto de 18 quilómetros. Alcanzamos Angrois. Pasamos enriba da triste curva onde aínda quedan fotos e escritos en recordo das vítimas daquel fatídico 24 de xullo. 

Praza de Mazarelos
Continuamos e ao pouco alcanzamos o grupo de cabeza. Cando baixamos de cara ao Sar, vemos ao fondo as torres da catedral. Que alegría! Cruzamos o río Sar por diante da colexiata e subimos pola costa ata a praza de Mazarelos. Moitos recordos veñen á cabeza. Cantos días, durante sete anos a cruzaba para entrar na facultade de Filoloxía. Hoxe é de Filosofía. Aquí collemos alento á sombra e agardamos polos demais. 

Porta Santa
Praza do Obradoiro
Saímos todos xuntos pasamos pola Rúa Nova ata Praterías, mentres soan as badaladas da torre da Berenguela. Paso rápido e xa entramos na Praza do Obradoiro. Aquí están algunhas persoas de Monterrei, entre elas o alcalde, que nos reciben con aplausos e saúdos cariñosos. Por fin, chegamos. Estamos diante das impresionantes torres. Xa é a unha e media. Temos ganas de recoller "A Compostela", comer e logo entrar pola Porta Santa, tal e como está previsto. 

 

Así o fixemos e gozamos da visita á catedral e tamén dun paseo polas vellas rúas empedradas mentres afloran tantos recordos dos oito anos vividos na cidade eterna, Compostela. Santiago sempre permanece na miña memoria. Ata pronto.

 Serafín Vázquez, 02 de xuño de 2021.

No hay comentarios:

Publicar un comentario