Camiño de Santiago
Quinta etapa: Cea-Dozón
![]() |
Saída. Cea |
O traxecto vai sendo en lixeira subida por camiños de terra e lama e angostos carreiros. Ás veces hai dificultades para pasar, xa que as xestas teñen a cabeza dobrada polo peso das flores amarelas e a auga caída. Pasamos por Silvaboa, Pielas e subimos ata Ventela. Un pouquiño máis e xa avistamos ao fondo o impoñente mosteiro de Oseira, terra de osos (lat. ursus) da fundación bieita do século XII, pero que pronto pasou á Orde do Císter.
![]() |
Espondras. Oseira |
Coñecido como o Escorial galego. Gozou de moito poder e explendor durante séculos. No
ano 1835,
como consecuencia da Desamortización de Mendizábal,
os frades deixaron o convento, que quedou totalmente abandonado
propiciando o espolio do lugar. Na
obra de Xente
ao Lonxe
de Blanco Amor fai
referencia aos sucesos de Oseira de 1909: a xente collía madeira e pedras do mosteiro abandonado; as autoridades deciden sacar de alí para
mandar a algún lugar algunhas pezas do mosteiro; a xente decátase e
non permite que leven nada. A Garda civil intervén a petición do
bispo, carga e hai nove mortos e 27 feridos.
![]() |
Mosteiro de Oseira |
Os
monxes volveron de novo en 1929,
comezando a súa reconstrución.
Entramos e unicamente podemos visitar os claustros. Así e todo,valeu a pena.
Repoñemos forzas e comezamos a subida máis dura da etapa. O camiño está cheo de coios que se moven ao pisar, as xestas, uceiras e silvas, en moitos sitios, dificultan o paso. Non para de chover. Algúns van quedano atrás, outros van collendo distancia. Por onda nós, pasan coma raios as catro Ánxeles de Fani. Mulleres de certa idade, aldeás, curtidas, rexas e afeitas a camiñar polo monte a diario.
![]() |
Estraloques |
Por fin, avistamos Castro de Dozón. O corpo énchesenos de ledicia. Os da dianteira lévannos bastante distancia. Chegamos ao lugar, pero os de cabeza seguían. Vaia sorpresa! Aínda temos que continuar. As pernas xa non queren andar. Non queda outra... Ao cabo de media hora, finalizamos. Xa son máis das 3 da tarde. Foron 6 horas e 27 quilómetros. Temos fame e ganas da merecida cervexa, de conversar e botar unhas risas. Hoxe non temos mesa, nin cadeira, mais o bocata préstanos igual.
O camiño é duro como a vida. Santiago xa só está a 65 quilómetros.
Serafín Vázquez. 11 de maio de 2021.
No hay comentarios:
Publicar un comentario