Camiño de Santiago
Sexta etapa: Dozón - Silleda
 |
Santo Domingo
|
Son as 9:15 horas do 16 de maio. Orballa en Dozón. Hai néboa nos altos. Parece que non vai ser moita auga. Comezamos un novo tramo sen poñer os capuchóns, só as gorras. Ao pouco tempo vanse abrindo claros no ceo e incluso aparecen as primeiras raiolas de sol. Temos fe en que vaia mellorando a mañá.
O traxecto parece menos dificultoso ca noutras etapas anteriores. Vai haber tramos de baixadas e máis chairos. A dificultade maior serán os últimos quilómetros de subida dende o río Deza ata Silleda.
 |
Capela do Carme. A Xesta
|
Imos con paso bastante lixeiro. O tempo acompaña e o camiño tamén. En hora e media xa chegamos a Xesta. Levamos preto de 9 quilómetros.
 |
Cichotes |
Seguimos por carballeiras e carreiros. Hai sitios con moita lama, pozecas de auga que dificultan o paso. A paisaxe toda verde, con campos abundantes en herba, pequenos regueiros rodeados de sabugueiros, ortigas e cichotes.
Estamos á altura de Lalín, preto da aldea onde naceu un grandísimo pintor, Laxeiro.
Persoa comprometida con Galicia dende a súa mocidade nos
anos da II República, tamén na posguerra e co exilio e a emigración
en América.
Tivo unha grande amizade coa intelectualidade da súa época nos
anos 30
como Luis Seoane, Carlos Maside, na
guerra con Celso Emilio Ferreiro, na posguerra con
Fernández del Riego, na
emigración en Arxentina con
Isaac Díaz Pardo, Lorenzo
Varela,
Blanco
Amor....
Como pintor foi capaz de
conectar coa tradición do barroco, coas vangardas históricas e coas
correntes do expresionismo. Conta cunha
obra moi extensa e o recoñecemento de toda a sociedade galega.
 |
Santa Baia. Donsión
|
Andando e andando imos xa preto do pazo de Donsión. Nas terras do Deza son abundantes. Xa levamos máis da metade do percorrido.
 |
Ponte Taboada
|
Hoxe non imos cansos. Anímanos o solciño e as pequenas baixadas cara a Ponte Taboada. Aquí paramos, reagrupámonos. Temos que visitar unha das pontes máis antigas de Galicia do ano 938, segundo se le na inscrición do penedo. Baixamos ata o río, miramos dende abaixo. O lugar é fermoso. Os vidos, salgueiros, amieiros e carballos rodean as augas louras do Deza.
 |
Ponte de laxes
|
Empezamos a subir, agora toca un último esforzo. Apenas quedan 5 quilómetros, pero son os máis duros. A ladeira é moi empinada. Pouco a pouco saímos ao chairo. Xa se ve ao fondo Silleda. Imos rodeándoa, pasamos onda o Pazo de Transfontao, andamos polo camiño cheo de auga, saltando de pedra en pedra. Cruzamos o regueiro de Mera por unha pontiña de laxes.
 |
Comadres e compadre. Silleda
|
Ao poucos pasos entramos no noso destino, Silleda. Boas ganiñas levamos do bocata e das cervexas. Foron 24 quilómetros en 5 horas e media. Agora toca gozar da compañía e os ricos manxares!!
Serafín Vázquez, 19 de maio de 2021.
No hay comentarios:
Publicar un comentario