viernes, 14 de mayo de 2021

 Letras Galegas. Xela Arias

A Semana das Letras sempre é un período de conciencia sobre o noso idioma e ao mesmo tempo reivindicativo para chegar a unha normalización plena do galego. Todos sabemos que existen moitos ámbitos onde o idioma apenas ten presencia, soamente de forma testemuñal. Hai algúns sectores da sociedade onde ten un uso "litúrxico". Parece que se non se emprega, non está ben visto, hai que falar galego neses lugares e diante dos medios. Logo estas persoas falan en castelán. Dende logo, están cheas de prexuízos lingüísticos.

Un problema importante, segundo os datos estatísticos, é a ruptura de transmisión xeracional. Moitos pais de 40 ou 50 anos falan habitualmente en galego, mais cos seus fillos utilizan o castelán. Isto pódese constatar nos institutos e nas escolas.  

Letras Galegas 2019
Todas as iniciativas que se fagan a favor do idioma, da literatura e da cultura, son positivas. En Verín dende hai moitos anos hai un certame literario de poesía, que leva o nome do escritor Xosé Carlos Caneiro e outro de relato co nome de Antonio Fernández Pérez. Neles participan os rapaces do último ciclo de Primaria e da ESO. Creo que é unha boa idea, xa que así os centros educativos ten unha oportunidade máis para incentivar a creación literaria e motivar aos alumnos de cara á normalización do noso idioma.

Xela Arias-Wikipedia
Ademais, como sempre se fai, nos centros, lese, estúdase a autora homenaxeada. Este ano adícaselle o Día das Letras a Xela Arias. Foi unha autora que faleceu moi nova, pero que contribuíu co seu traballo e a súa pluma a enriquecer a literatura galega. As súas obras máis coñecidas son Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome. A mellor maneira para coñecer esta poeta é lendo as súas obras. Se aínda non o fixemos, aproveitemos a ocasión. Todos os días do ano son Día das Letras.

Serafín Vázquez, 14 de maio de 2021


No hay comentarios:

Publicar un comentario