jueves, 2 de octubre de 2014

A melancolía

Un control remoto parece pilotar a túa vida, como un autómata que camiña ao ritmo que impoñen sátrapas e listos e listillos. Rebélate, digo con v, revélate: non deixes de ser ti. Camiña os teus propios pasos. Equivócate por ti mesmo. Cruza as liñas prohibidas: prohibida a sensibilidade, o entusiasmo, recitar versos á lúa. Sente por ti. Por ti ama. En Orión hai estrelas pintadas co teu nome. Soña: os teus propios soños, azuis ou negros, amarelos ou rosa de Alexandría, tigre de Borges ou Merlín, Cortázar de cen anos ou meiguizo encanto fascinio Cunqueiro. Emociónate: se habitas o país das emocións, comprenderás que fermosa xenerosa doce intensa é a vida. Baila. Se o corpo non é capaz de moverse, baila na alma. Así, bailando, verás como van marchando, corre que te corre, os males. Canta, tamén. E se non é coa voz, canta dende o corazón as palabras lindas, de esperanza. Non repitas as tristes palabras tristes. Non penses nelas. Cando veña a chuvia, di sol. Cando as lágrimas, di risa. Cando te sintas só e perdido, pensa que encontras outra vez o último amor, grande amor, amor imprescindible amor. Non permites que te controlen, repito outra vez. Non renuncies a edificar o teu reino en medio de tantas ruínas. Non creas que as últimas malas noticias son as únicas noticias. Naceu Iria, hai adolescentes bicándose no banco do parque, hai maduros que se volven namorar, hai un Messi no partido do patio, Carliños quere ser porteiro e -tan feliz- non deixa de falar de fútbol. Hai quen sae das depresións, e quen non quere entrar nelas. Hai ilusións. Hai xente que mira con tenrura. Hai quen cumpre. Hai quen consola. Hai tanta xente con valor que xa non ten sentido, este outubro, a melancolía. 
 X. Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 2 de outubro de 2014.

Queriamos que fose un Messi, pero saíunos un Victor Valdés...
Son tempos de viño novo, cogumelos e castañas... Tempo de ilusións, entusiasmo, abrazos e sensibilidade. Hai que desterrar o pesemismo e a melancolía... Iso é tempo pasado. 

jueves, 18 de septiembre de 2014

En ti

Pasear por ti, en ti. Camiñar cada poro ata coñecerte. Quedarte en ti, quedarte contigo. Sentir a túa pel, áspera ou suave, ás veces líquida. Repasar as horas felices. ¿Sabes?, coñezo homes e mulleres, miles, que non renuncian á esperanza. Vive en ti, sabedor de que non está o tempo para perder o tempo. Quédate en ti cando pretendan homologarte, pintarte co lapis gris: para salvarte. Abraza a túa soidade, inseparable animal, fiel. Pero se decides estar tamén noutro, noutra, repasa esta columna os días de lagartos serpes tigres. Repite: estou en ti. Nos teus ollos cor violeta, algunha vez invisibles. Nas túas mans que me corren como ríos, mares de luz, mares de vidro azul, vívidos. Estou en ti, nos teus zapatos camiñando o paraíso (non teño outro paraíso que o teu corpo, voz, dedos). Estou en cada palabra que pronuncias, nos teus dentes boca lingua. E cando desfago os meus labios na comisura dos teus, perfectos, quero comerte. Estou en ti, flotándote: vento do norte que se atreve a acariñar o teu pelo, peitearte, movelo de sur a sur, bailándote. Estou no café da mañá, no periódico que empezas a ler pola última páxina, nas pílulas que a médica prescribe, nas horas tristes, e nas alegres, en todas as horas estou en ti. Diminuto, diminuta, como un prendedor que quere prender a túa alma. Quedarme en ti para sempre, non en min (qué infame o pronome primeira persoa perpetuo presente). Deixar de ser eu para navegarte, océano interior. Digo que se non fose por ti, estaría perdido. Perdida. Unha gota de chuvia de setembro. Un nada. Estou en ti, ou na túa proximidade, como un farol que pretende iluminarte. Estou en ti. Nos teus ollos color violeta, algunha vez invisibles. E quédome en ti. Feliz. Feliz. 

 X. Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 18 de setembro de 2014

viernes, 24 de enero de 2014

Furioso



Oitenta e cinco ricos do mundo teñen tanto diñeiro como tres mil cincocentos setenta millóns de pobres. O 1 % das familias máis poderosas acaparan o 46 % da riqueza do mundo. En España, as 20 persoas máis ricas posúen unha fortuna similar aos ingresos do 20 por cento da poboación máis pobre. Son datos que deu a coñecer o pasado luns Intermón Oxfam. Non pasou nada. Os gobernantes continuaron coa súa vida rutinaria, anunciando a inocencia da infanta (¿farían o mesmo contigo?), falándonos de primas de risco, finanzas, Europa. Permítanme a furia. Que esta columna sentimental troque o seu título: columna de amargura. Porque non coñezo outro substantivo para escribir este vinte e tres de xaneiro. Amargo o mundo que entre todos construímos. Amargo o revés clamoroso de gobernantes e gobernados. Amargo o sabor dos días cando coñecemos datos tan plenos de oprobio e humillación do xénero humano. E pensamos que somos un mundo en progreso. Que avanzamos. Que sorteamos dificultades. É mentira. O ser humano é menos humano. Menos humanas as vidas. Os vínculos. Inhumanas as palabras. Eu son un fracasado. Coma ti, cómplice de cada xoves. Pertencemos a este mundo desenvolvido que é incapaz de desenvolver a tenrura, os abrazos, a solidariedade. Escribimos do corazón cando o corazón está na uci. Fracasan os gobernantes, a educación, os valores. Todos, en conxunto. Haberá que empezar a edificar un mundo menos pestilente. Este afógase na súa propia suciedade. E con el, inanes, perecemos todos. Este mundo sucio, insisto. Hostil, desfavorable, adverso, rudo, áspero. Furioso. E furioso, tristemente, escribo.

X. Carlos Caneiro. La Voz de Galicia. 23 de xaneiro de 2014


Concordo totalmente contigo, irmán. Onde está a solidaridade, a tenrura, os abrazos? Cada día somos menos humanos. Cales son os valores que transmitimos á mocidade...? Que educación temos,...? Eu tamén son un fracasado.... 

jueves, 16 de enero de 2014

FOISE UN AMIGO

Cando souben da noticia non daba creto. Non é xusto que unha persoa tan nova e vital, con tantas ganas de facer unha morea de cousas, nos deixe de repente, tan novo e para sempre. El é Óscar Sánchez Vidal, profesor de latín no IES das Lagoas en Ourense

Había tempo que non tiña contacto con el, pero non por iso o esquecera. Un amigo nunca se esquece. Creo recordar que a última vez que nos vimos fora alá polo 2010, nun curso que organizara eu  no CFR de Ourense para profesores de latín e grego.

Todos estes últimos días non deixo de lembrar aqueles anos en Compostela. El foi dende que comezamos na facultade de Filoloxía, en Mazarelos o meu amigo. Era o ano 1983. Aínda que eramos bastante diferentes, conectamos dende o primeiro momento. Cando digo o meu amigo, non quero molestar a outros que tamén o foron e a moitos máis compañeiros cos que compartimos aulas durante seis anos (incluído o CAP) entre 1983 e 1989 e que acabaron sendo e considero tamén amigos. Pero el e mais eu fomos compañeiros de aula, compañeiros de mesa na biblioteca, o que lle pasaba os apuntes un ao outro, se algún faltaba a clase, os que se axudaban a preparar os exames, colega con dous ou tres máis, dende primeiro, nos viños de mediodía na facultade de Historia e do Franco, colega de copas despois dos exames nas noites compostelás. Despois de dous ou tres anos xuntos, creo que xa todos os da clase, moi pequena, eramos amigos. Houbo un acontecemento que realizamos xuntos e que nos uniu fortemente en 4º: un Congreso en Madrid ao que acudiramos practicamente toda a clase. Aquela semana por Madrid os lazos entre nós ligáronos para sempre. Aparte das sesións intensas, fixemos moitas máis cousas. Visitamos o Museo do Prado e outros máis, o Retiro, visitamos Aranjuez e Toledo, incluso me acordo de ir ver o partido no Bernabeu entre o R. Madrid e o Bayern de Munich da Copa de Europa (ano 87), tamén coñecemos algo das noites da movida madrileña dos 80. (non puiden evitar remover nos álbums de fotos e mirar as que conservo daquela viaxe).















Astorga, 1985. Pepe, Arjones, Nerga, Mari, Serafín, Óscar, Rosende

Foi unha parada no camiño. Ía moito frío, a xulgar polos pelos, as caras. Ao lado desta foto tiña posto “Mocedades”.

Madrid, 1987. Óscar, Pepe, Clara, Serafín (sentados). Mari, Nerga, Abilleira.

Era na entrada do xardín botánico. Parece que estabamos cansos despois te tanta visita.
  



  










Tertulia no Café Gijón,Madrid. 1987. Clara, Arjones, Óscar, Inma, Mari, 
Pepe, Nerga, Abilleira, (a seguinte non a lembro), Serafín.

Moitos tiñan cara de intelectuais como os das famosas tertulias.


Lembro nitidamente cando nun verán o meu amigo apareceu nas festas do 15 de agosto do ano 85 ou 86 en Entrimo, ou mellor, en Venceáns para pasar dous días na miña casa. Creo que foi o único dos compañeiros que visitou a miña aldea e outros lugares do Xurés, como a praia fluvial dos Aguinchos, agora sepultada polo encoro.






















Aguinchos, Entrimo. 1985. Serafín, Juan Luis, Rogelio, Castor, Óscar.

Visita e merenda neste  recreo fluvial cos meus veciños-turistas. Un estaba en Francia, outro en Barcelona, outro en Andorra.

Despois de acabar a carreira, no seguinte ano seguimos todos xuntos, durante o curso do CAP. Eu ese ano compaxínabao con varias materias de 3º e 4º de Filoloxía galega, algo que xa me roldaba pola cabeza dende dous ou tres anos antes. Eles preparaban a oposición. A partir de aí, cada un foi indo polo seu camiño e en poucas ocasións se cruzaron.  Uns como profes de latín, outros de grego. Eu cambiara as declinacións por cláusulas e oracións; a Virxilio, Horacio, Sófocles, Cicerón, ..., por Rosalía, Otero, Castelao, .... Isto fixo que en moi poucas ocasións coincidira cos meus amigos de clásicas. Ademais, o feito de vivir no retiro apartado de Monterrei, fai que houbera menos puntos para encontrarnos. Así e todo, nos primeiros anos coincidín co meu amigo en diferentes reunións de traballo e tamén compartimos algún que outro café. Toda ocasión era boa para falar e lembrar entrañables momentos e amigos de carreira.

Podería estar escribindo páxinas e páxinas; podería seguir contando feitos, anécdotas, bos momentos que pasamos xuntos durante horas e horas. Mais só quero dicir que dende agora me falta unha persoa, das mellores, que coñecín e coa que compartín unha boa etapa da miña vida, sobre todo da miña inesquecible etapa compostelá. Non lembro ningún mal momento, enfado, discusión con el. Só teño bos recordos del. Sempre contei co seu apoio. Sempre tiven a súa axuda nos momentos que o precisei. Graciñas, onde esteas e se podes vernos e escoitarnos, por ser MEU AMIGO.
Unha forte aperta e moito ánimo, Eva.

Serafín















.