Camiño de Santiago
Sétima etapa: Silleda-Ponte Ulla
 |
Silleda |
Son as 9:10 horas do día 23 de maio. Comezamos a penúltima etapa. Temos bo día, fresca a mañá pero de sol. Cremos que vai ser levadeira, xa que é máis curta e toda chaira ou de baixada. A marcha é rápida, imos moi lixeiros polo medio de campos de herba e a miúdo vemos o gando pacer. Son moitas as explotacións de vacas na comarca do Deza e do Ulla.
 |
Serafín,Pedro,Casi,Berta,Jose
|
Nunha pequena aldea reparamos nas dez vacas que pacen xunto cun burro beigueiro, alleas á nosa presenza. Con elas está unha nena duns 10 anos xogando cun cadelo. Ao fondo o seu pai cos seus labores nunha estrema e no portairo, entrada do campo, un neno duns 6 anos que está tornando as vacas. Sen dúbida é unha estampa moi linda. Vénme á cabeza a miña infancia como a deste neno labrego e todas as veces que eu tamén ía coas vacas e a burra de ramal. Non podo evitar pensar en Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, o libro máis editado e, quizais, máis lido da nosa literatura. Sen dúbida moitos nenos dos anos 60 e 70 nos identificamos con Balbino.
 |
Comadres e compadre
|
Chegamos a Bandeira. Empezamos a baixar. Cruzamos o río Toxa. Estamos bastante apartados da fervenza máis alta de Galicia. Vale a pena visitala. Neste traxecto atravesamos unha das poucas carballeiras da etapa. Seguindo entre pradarías chegamos a San Martiño de Dornelas.
 |
Ermida das Angustias
|
Continuamos entre campos de abundante herba e algunha que outra herdade de millo acabado de sementar ata a Ermida das Angustias. Na carballeira repomos forzas, pois xa levamos 17 quilómetros e a calor vaise notando.
 |
Fonte dos carballiños
|
Seguimos ata o Castro e bebemos na fonte dos carballiños. Agora xa imos empezar a baixada. Parece que é doada, mais para algúns, ao ser tan pronunciada, faise difícil. Do outro lado xa se avista o Pico Sacro. Ao pouco albiscamos o grande viaduto do tren.
 |
Santuario de Gundián
|
O descenso ata o Santuario de Gundián fai doer os xeonllos. Hai quen prefire subir ca baixar. Aquí facemos unha paradiña para visitar a igrexa e a contorna.
 |
Ponte Ulla
|
Xa estamos a chegar, apenas dous quilómetros. Agora imos á beira do río Ulla ata a ponte de pedra pola que cruzamos. A vista cara arriba e cara abaixo é moi fermosa. Augas brillantes, amieiros e nubes reflectidas no remanso.
Na outra beira está a meta, Ponte Ulla. Foron 22 quilómetros en menos de cinco horas. Agora toca o bocata coa cervexa e parolar un pouco. Hoxe é na praza sentados ao pé do cruceiro.
Serafín Vázquez, 24 de maio de 2021
No hay comentarios:
Publicar un comentario