viernes, 16 de marzo de 2018

Deberes si, deberes non.

Este é un debate que vén de moi atrás. Hai quen opina que os nenos nos primeiros anos da súa etapa escolar non deben levar tarefas para casa, porque lles debe ser suficiente o tempo na escola para realizar todo o traballo. Pensan que as tardes, hoxe a maioría dos coles só teñen clase de mañá, son para xogar, para actividades propias, para o lecer. Outros, en cambio, pensamos que dende pequenos lles é bo levar algunha actividade para casa, para que se vaian afacendo a traballar eles sós, para que adquiran autonomía, para que se vaian facendo responsables. Non se trata de que vaian cargados de libros e deberes con 6 ou 7 aniños. Trátase de que teñan algo para facer en 20, 30 minutos: un exercicio, unha conta, un contiño para ler…. Considero que lles é moi positivo que vaian adquirindo hábito dende pequenos. Con 11 ou 12 anos xa van ter que facer traballos, estudar… Cando vaian para a ESO terán máis, en bacharelato máis… Nesta etapa terán que estudar unhas cantas horas diarias. Como van estar estudando 4 horas diarias se non foron adquirindo paulatinamente ese hábito de estudo necesario? Como pai dun neno de 5º de primaria e dunha nena de 2º de Bach., ademais de profesor dende hai xa uns poucos anos, creo que teño certos argumentos. Como van estudar as horas necesarias na carreira? Como van ser autónomos para preparar temas, facer traballos… se antes non o fixeron?

Os valores, os hábitos na vida vanse adquirindo pouco a pouco dende pequenos. Aos adultos é difícil facernos cambiar, levarnos ao rego, endereitarnos se xa estamos torcidos. Creo que debemos fomentar e valorar o esforzo na escola, o traballo diario, a responsabilidade. Se cadra, estou equivocado. 

Serafín Vázquez, 16 de marzo de 2018  

martes, 13 de marzo de 2018

Gandería extensiva

Dende hai máis de 40 anos a gandería extensiva en Galicia foise reducindo ata practicamente desaparecer nos últimos anos. Os que nos criamos no rural, na montaña interior puidemos comprobar a afirmación anterior. A comezos dos anos 80 as aldeas tiñan vida, porque había moitas familias instaladas alí. Vivían da agricultura e a gandería. Traballaban as terras e mantiñan os montes rozados e limpos. Toda a facenda que había ocupábase diso: vacas, cabras, ovellas, cabalos…. Todo isto foi desaparecendo. Tamén foi desaparecendo a xente. Creo que coa chegada das granxas, a explotación intensiva foi matando a outra gandería. Cando regresas á casa natal, paseas polos camiños, andas polas corredoiras dá pena, porque non ves unha alma. Como moito atopas un vello/a, viúva que vai buscar a auga á fonte. Percorres todo o labrado e non te atopas con ninguén. Pola maioría dos camiños de carro e carreiros xa non se dá pasado. Ás veces, só furando entre o brosque como fai o lobo e o xabarín.


Por que non se destinan axudas para aquelas persoas mozas que aínda  queren vivir na súa aldea? Algúns queren seguir alí cunha explotación de vacas, rubias ou cachenas, cun rabaño de cabras ou ovellas, cun colmeal de curtizos… Non estaría mellor empregar eses miles/millóns de euros para axudar aos que teñen rabaños de ovellas, vacas …. que son os que traballan as herdades, limpan os campos e poulas arredor dos lugares, coidan os montes, e non dedicalos despois a apagar lumes co perigo de que ardan palleiros e casas, … como xa ten pasado? A gandería extensiva sería un bo cortalumes e fixaría poboación na Galicia interior.

Serafín Vázquez, 12 de marzo de 2018

jueves, 8 de marzo de 2018

A dimensión emocional da aprendizaxe

As emocións inflúen de maneira decisiva na aprendizaxe. Todos puidemos comprobar algunha vez como aprendemos unha poesía que nos chegou adentro, un texto, unha frase dun escritor que nos impactou. Por iso cada vez se traballa máis con elas na aula, aínda que haxa docentes que lle restan importancia. Considero que é moi interesante formarse neste aspecto para descubrilo. No presente curso, tivemos unha actividade de formación que tiña por título “Aprender a pensar a través do diálogo”, da que unha parte importante era a dimensión emocional na aprendizaxe. Foi moi ben recibida e valorada polos asistentes. Hoxe leo no xornal unha entrevista a un experto na materia, Jesús C. Guillén. Algúns aspectos que destacou xa están comentados ao comezo, pero tamén quero sinalar algún outro como a importancia de espertar a curiosidade no alumnado, a competencia aprender a aprender, aprender xogando, o valor do esforzo e a memoria, o traballo colaorativo... É unha entrevista moi aproveitable. Moitos docentes e non docentes puideron asistir ao seu relatorio en Vigo. Sobran os comentarios vendo o auditorio con máis de 800 persoas para escoitar e disfrutalo.    

Serafín Vázquez, 7 de marzo de 2018 

jueves, 1 de marzo de 2018

Día de neve

Comeza a nacer o día. Todo está branco, branco de neve. Dá gusto mirar pola ventá para contemplar ese manto brillante todo arredor. Pena que a néboa non deixe ver o castelo. Cremos que non imos poder saír no coche. Os vinte centímetros de neve e a pequena subida ata a saída, poden poñernos en apuros. Quizais haxa que botar man da pa para retirar a neve. Subimos ao coche con bastante antelación. Pouco a pouco imos avanzando sen pararnos. Logramos chegar á estrada. Agora será máis fácil, pois xa hai rodeiras de pasaren outros e imos baixando. Polas rúas de Verín xa se circula mellor. Os rapaces camiñan con dificultade polas beirarrúas para ir aos institutos. Faltan moitos. Non hai transporte e, incluso, en algún centro suspenderon as clases. Todo parece transcorrer sen dificultade. Os cidadáns fan vida normal, só hai que camiñar con precaución. O tema de conversación repítese. Hai máis de vinte anos que non nevaba tanto en Verín. Parece que imos ter neve para varios días... É así. Tres días despois todo segue nevado. Os nenos xogan no patio do cole coa pouca neve que hai tirándoa uns aos outros. Haberá que aproveitar esta ocasión para gozar dela ... e así o fixemos.


Serafín Vázquez, 1 de marzo de 2018