martes, 23 de marzo de 2010

Viticultura


Parece que está de moda a viticultura. Hai persoeiros famosos do mundo do cine, fútbol, etc que están relacionados con este sector. Non sei se é moi rendible economicamente ou é polo encanto que posúe. A verdade é que engancha. É apaixonante. Dende logo, eu ata hai uns 8 anos era unha persoa profana no viño. Agora disfruto del. Para min, é un ocio, non un negocio. Debo recoñecer que parte deste goce llo debo ao meu amigo Javier. Compartimos profesión e tamén algunhas afeccións. Esta é a que máis nos une. Tanto el como eu, ata hai uns anos descoñecíamos este mundo. El, chegou a través das catas e degustacións dos viños de Monterrei (hoxe é un experto catador). Eu cheguei polo camiño inverso: coidado dunhas viñas da familia. Partindo de polos opostos, encontrámonos no camiño. Hoxe os dous gozamos co traballo da viña, da vendima, da elaboración dos caldos e, sobre todo, do placer dunha boa mesa acompañada do noso viño. Este ano estamos orgullosos tanto do branco coma do tinto. Seguro que o ano que vén aínda será mellor. Seguimos aprendendo.
Pero non se trataba de escribir de min, senón dunha persoa que de maneira moi discreta está elaborando uns viños excelentes. Esta persoa é José Luis Mateo (A Trabe, Gorvia, Muradella, Alanda, Finca Notario). Os seus viños son EXCELENTES. A verdade é que dentro da D.O. Monterrei hai grandes e moi boas adegas. Non citarei ningunha, xa que todas merecen un recoñecemento. Soamente quero felicitar a José Luis pola súa gran obra. El é unha persoa discreta e humilde, pero tamén traballador que se esmera e ama o que fai. De aí, o recoñecemento tanto en Galicia como fóra. Sen dúbida, é un exemplo a seguir. PARABÉNS!!

jueves, 18 de marzo de 2010

Vivir debaixo dunha ponte


Aínda que pareza mentira, é unha realidade. Veciños que teñen casa, boa casa, bo piso, viven debaixo dunha enorme ponte (ou viaduto). Non se trata de persoas sen recursos. Casos sonados son os de Culleredo, pero tamén os de Ourense (saída centro da autovía), dos Peares (estrada N.120 Ourense-Monforte). Todos estamos a favor do progreso, da modernización das infraestruturas. Pero pregúntome, se hai casos que, por culpa dun xacemento arqueolóxico (que por suposto se deben respectar), se desvía unha estrada, autovía, línea de AVE, non é razón suficiente que haxa unha vivenda habitada para desviar este tipo de infraestruturas? Estas persoas, os fillos, netos deben vivir toda a súa vida pasándolles coches, autobuses, camións enriba da súa cabeza? Terán que durmir todos os días co "trummm, trummm" enriba deles? Xa non quero pensar, qué pasaría, se algún día houbese un accidente.
En Galicia son numerosos os casos en que, por pasar as estradas polo medio das poboacións, os vehículos se empotran en casas. Algunhas delas, incluso, sufriron varios accidentes. Recordo, perfectamente que na aldea de Queizás, próxima a Verín, hai uns anos un camión derrubou boa parte da casa dun paisano. Por sorte para el, estaba durmindo no outro lado da vivenda.
Reitero que hai que facer vías de comunicacións de acorde cos nosos tempos. Pero, por favor, un pouco de sentidiño.

jueves, 11 de marzo de 2010

"El Desván de los Monjes"


Xa sei que non é ningunha novidade hoxe, pero non me puiden resistir a falar algo do asunto. Son as palabras do Conselleiro de Cultura e Turismo en Madrid chamándolle Desván de los Monjes a Sobrado dos Monxes. Eu entendo que un conselleiro estea moi ocupado, que lle escriban os discursos, pero non podo entender que non os lea previamente. Porque creo que esta é a razón. Non é posible que tendo lido o texto, non lle chamara a atención o lugar de Desván de los Monjes. Todos sabemos que se segue a utilizar a toponimia en castelán. Coñecida é a disputa que houbo durante moitos anos con A/La Coruña. Eu coñezo a moitos de Orense que veranean en Sanjenjo (lo dicen con un tono muy pijo, claro). Síntoo, pero non me puiden resistir á retranca. Eu son galego, aínda que sexa no sentido pexorativo, como dixo a "amiga Rosa". Que lle vou facer, se tiven a desgraza de nacer aquí! (volveu a retranca). Outras deturpacións da nosa toponimia moi chamativas en tempos pasados son Haciadama por Acea da Má, ou El Niño de la Guía p0r Niñodagia (onte mesmo estiven nesta aldea do concello de Baltar). Eu pensaba que esta etapa xa estaba superada.
Debemos crer máis en nós, no que somos, na nosa cultura e nas nosas posibilidades. De non ser así, desapareceremos do mapa. Os primeiros que deben cumprir e respectarnos son os nosos gobernantes. Se non é así, xustificaremos as acepcións que tiña(pasado) o diccionario da RAE o termo galego. Así nos tratarán Rosa Díez, Arcadi Espada e outros mais.

martes, 2 de marzo de 2010

Por un abrazo


Cando penses que todo é falso, que as cousas non poden ir peor, que estamos tan desolados que un quere escapar «donde habite el olvido»; cando as cousas saian do revés, cando todas as ilusións fracasen, cando non queden soños por soñar; cando teñan razón os pesimistas, cando te abandone a muller ou home imprescindibles (eses que dicían que a súa felicidade era verte a ti feliz), cando no exame final sempre escriban «insuficiente»; cando venza o tedio, cando todas as noites estean escritas en prosa, cando no bar da esquina non agarde o teu barman predilecto... pecha os ollos e pensa o que darías por un abrazo. Non falo de abrazos de compromiso, senón deses que quedan pegados ao corazón máis que á pel. Este martes, iniciado o mes da primavera, pido que entre café e café imaxines un porvir con música de Dylan: chamando ás portas do ceo. Que marques un número para que alguén cumpra con este regalo primordial: un abrazo, simplemente. Non te preocupes se non quedan teléfonos aos que chamar. Encontrarás en calquera lugar ese abrazo que xustifique cada día, a sístole e diástole do teu corazón. Non o busques, velaquí o segredo. Quizá os abrazos que permanecen son os que non procuras. Non desesperes se pasan os días, e meses, e segue sen aparecer. Será que está formando a súa tormenta perfecta: esa que resplandecerá no teu adentro, volcánica e voraz. Por un abrazo futuro paga a pena vivir. Un abrazo da persoa necesaria. Un abrazo que cure máis que calquera medicina. Se chegaches á fin desta columna sei quen es. Coñézote dende sempre, camarada. Pertences a esa clase de xente que pensa que as cousas que de verdade importan, importan por dentro. Un sentimental, digamos. Eses que entregan todo, e todo, e máis... por un abrazo. A xente coma ti (a pesar da desilusión, e fracasos, e soños que xa non quedan por soñar) fai o mundo máis habitable. Grazas.

X. Carlos Caneiro: La Voz de Galicia, 2 de marzo de 2010