viernes, 30 de abril de 2021

 Andaina pola Ribeira do Támega

Saímos de Ábedes cara ao San Antón. O día é cinsento. Levamos chuvasqueiro e paraugas, por se acaso. 


Seguimos á beira do regueiro ata Cabreiroá. Á dereita pacen moitas vacas. Algunhas baixan ao regueiro a beber. Non é moi habitual velas pola contorna. Sempre me gustaron. Moitas veces fun dende ben pequeno con elas aos pastos e ao monte. Son animais pacíficos. Viñan á man cando se chamaban para xunguir. Estaban quietas cando se munguían. Raramente daban un couce. Algunhas deixábanse rañar en calquera sitio. Nas aldeas da montaña de Ourense eran o sustento da nosa xente. Lembro o lance de Cousas de Castelao
"Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza...."

Lagar rupestre de San Antón
De alí continuamos ata Tamagos. Agora o camiño é de terra. Gústame ir por carreiros ou camiños de carros. Baixamos polo medio do lugar. Pasamos mesmo diante dunha das adegas de Monterrei. A tradición do viño xa se remonta á epoca romana ou castrexa. No val existen moitos lagares rupestres.
Hoxe contamos con 27 adegas dentro da D.O., cunha extensión de 630 Ha., e unha produción de preto de 6 millóns de kg. Afortunadamente nos últimos 25 anos foi medrando este sector, collendo prestixio e, hoxe, os nosos viños non ten nada que envexarlles aos demais de Galicia ou mesmo de fóra. Temos uns mencías extraordinarios e uns godellos excelentes.

Río Támega
Continuamos entre viñas ata chegar ao río Támega. Sentimos o río nunha pequena fecha por riba da presa. Algo máis arriba morre o Búbal. Aquí collemos toda a beira do río debaixo de freixos, bidos, amieiros, salgueiros e sabugueiros. 
 
 
O lugar, mesmo no día húmido e chuvioso que temos, vale a pena recorrer. Imos río arriba comentando a beleza do val e mirando no alto o noso castelo. Recordamos a cantiga popular que lle bota a miúdo un amigo nas comidas de colegas:
 

Monterrei está no alto
e Verín está no baixo;
Nosa Señora da Estrela
está nun campiño raso.
 
 Do outro lado do río
sentín cantar e choreie
eran os meus amoriños
que ían pra Monterreie.

 

Pasamos por Queizás, seguimos a beira do río ata entrada de Verín polo Camiño da Noria. Da outra beira está Pazos. Aínda nos queda subir ata Ábedes. Xa temos ganas de chegar. Todo o traxecto foi polo val e sen subidas, pero a chuvia cansa, molla e molesta. Foron 14 quilómetros en case 3 horas.  

Serafín Vázquez, 28 de abril de 2021

lunes, 26 de abril de 2021

 Camiño de Santiago

Terceira etapa: Allariz-Ourense

Saída-Allariz

Día 25 de abril. Son as nove da mañá. Estamos na preciosa vila de Allariz. Chove. Preparámonos cos capuchóns, botas e, algúns, cos paraugas. Comezamos a andar polas rúas empedradas da vila. Cruzamos a ponte "romana" do río Arnoia. De momento imos por chairo e asfalto. Cada vez chove máis. Sentimos uns tronos. Vemos os traliscos. A auga bate con forza na estrada. A que nos cae enriba escorre pola capa e vainos mollando as pernas e os pés. Lástima dunha curoza dos nosos avós! Volve tronar. Hai certo medo, pois empezamos a subida pola a aldea de Rubiás. Agora temos unha boa ladeira que subir!
Comadres e compadre
 
Deixamos o asfalto e imos por carreiros enlamados. Hai sitios difíciles de pasar. Ás veces subimos ás bouzas da beira e pasamos entre xestas e silvas.
 
 

 
Comadres

Ao pouco tempo atopamos un camiño cheo de auga. Parece imposible cruzar. Uns van indo pola beira, outros soben, incluso, a unha parede de pedras da poula do lado. Máis adiante volvemos atopar un tramo semellante. Vaia día nos tocou! Chuvia, trebóns, lama, camiños repletos de auga, regueiros desbordados, ... Chegamos a Turzás. 
Continúa a subida polas contornas de Santa Mariña de Augas Santas ata Armeá. Levamos a metade da traxecto. Mentras andamos lembramos a lenda da Santa. Tamén visitamos o xacemento romano do Monte do Señoriño. Trátase dunha vivenda romana asentada en bancais.
Agora xa comezamos o descenso polas carballeiras ata o lugar de Pereiras. Parou de chover. A roupa vai enxugando coa calor da mañá e do noso corpo. Pena do día por un percorrido tan fermoso, do que pouco puidemos disfrutar!
De aquí ata o alto do Cumial o andar é monótono. Última parada para repoñer forzas.
Xa avistamos a cidade de Auria. Baixamos polo lugar de Seixalvo. Aldea moi coidada, casiñas sorprendentemente ben reconstruídas, corredores de madeira chamativos, rúas empedradas e moi limpas. 
 

Paseo do Barbaña

Entramos en Auria pola beira do Barbaña. Xa non queda nada.Deleitámonos co paseo, as árbores, o río crecido e atoldado polas chuvias da noite anterior. Aclareou ao mediodía. Recollemos as roupas de auga.
 
 
 
As Burgas
Chegada triunfal aos xardíns das Burgas. Foron 23 quilómetros en 5 horas e cuarto.
 
 
 
 
 
 
Agora toca gozar do bocata, da cervexa e da boa compaña!! Mereceu a pena. Vaia día tivemos!!

 
Comida na Alameda
 
 
 
 
 
 
Serafín Vázquez, 26 de abril de 2021.


jueves, 22 de abril de 2021

  

Ruta de fontes e capelas

Fonte do Sapo
Saímos do Camiño do Astante de cara á Fonte do Sapo. Quenta o sol ao principio, despois xa imos á beira do Regueiro de Queirugás á sombra dos bidos, amieiros e carballos que dan un frescor e un olor moi agradable. O chan é mol e dá gusto camiñar. Pían os paxaros, sentimos correr a auga pola corga.  Entramos no grande e ancho campo. Ao fondo está a fonte. Auga mineromedicinal moi boa para infeccións da pel e problemas do aparato dixestivo. Alí bebemos e resfrescamos a cara e os brazos.

Capela da Rasela

De aquí dirixímonos ao lugar da Rasela. Pasamos pola cima da aldea. Enfronte está Monterrei coas dúas torres impóndose sobre todo o val. 
 
 
Viña
Santuario dos Remedios
Continuamos polo camiño entre as xestas que empezan a botar a súa flor amarela, as carqueixas e uceiras ata o Santuario dos Remedios. Diante da igrexa vemos unha enorme viña coas videiras empezando a agromar. Hai anos, todo isto era un piñeiral onde merendabamos o día da romaría. Todo está cambiado. Ao fondo está todo altivo Santuario.


Fonte de Queirugás
Collemos o Camiño das Ermidas, cruzamos o Regueiro de Marbán ata a aldea de Queirugás. Na fonte volvemos refrescar a cara. Xa levamos dúas horas e 9 quilómetros andados
 
 
 

Regresamos dirección Verín, pero ao pouco, desviámonos cara á Ribeira Pequena pola beira do Regueiro de Santa Marta. Imos á sombra, incluso vai algo de fresco. Cruzamos esta corga xusto debaixo da impresionante ponte da autovía A-52. Damos a volta de cara a Ábedes pola marxe esquerda do regueiro. Chegamos xusto ao alto.  Dende aquí a vista de Verín é preciosa. 
Capela de San Antón
Collemos polo camiño que vai polo alto do lugar, cruzamos o Regueiro dos Bidueiros, baixamos polo Camiño do Pereiriño de cara a Cabreiroá. Apartamos polo camiño do Acedal, cruzamos o Regueiro de Ábedes e subimos á Ermida de San Antón. Xa estamos ao lado da casa. Foron 16 quilómetros e un  pouco máis de tres horas de andaina. Merecemos o descanso e as cerveciñas. 
 
Serafín Vázquez. 22 de abril de 2021

martes, 20 de abril de 2021

 Camiño de Santiago

Segunda etapa: Zos-Allariz

Día 18 de abril. Son as 9:00. Estamos en Zos (Trasmiras). A mañá está fresquiña. Só hai 3 graos. Comezamos a andar pola chaira da Limia. Camiño monótono entre trigais. O percorrido inicial é levadeiro. Andamos lixeiro. Ao cabo dunha hora cruzamos o río Lethes, hoxe Limia. Por sorte, a diferencia do que conta a lenda, non nos esquecemos dos que nos acompañan, pero recordamos o paso das tropas romanas e como Décimo Xuño Bruto foi chamando polo nome aos soldados e mostrando que non era tal o que contaban sobre o esquecemento dos que o cruzaban. Así acabou a conquista do noroeste.... Recordo tamén a mitoloxía grega e a barca de Caronte que levaba as almas ao reino de Hades. De aquí procede a lenda do río do Lethes ou do esquecemento.

Comadres e compadre. Lagoa de Antela

Parada en Xinzo. Atravesamos a vila e seguimos o monótono camiño de cara ás pequenas lagoas. Antes era a Lagoa de Antela onde estivera a cidade de Antioquía. Segundo a lenda quedara cuberta pola auga como castigo pola falta de caridade dos seus habitantes.... Na mañá de San Xoán aínda se pode ver no fondo o campanario da igrexa. Iso din...

Cachenas

Ao pouco tempo, chegamos a Vilariño das Poldras. A partir de agora, vai cambiando a paisaxe. Imos de cara a Sandiás. Polo leste está a chaira da Limia, polo oeste vai aparecendo o monte cheo de arboreda. Nun campo grande pace un bo número de cachenas. Falamos da súa procedencia. Cando eu era rapaz quedaban moi poucas no lugar de Olelas, Entrimo. Daquela non se valoraban, pois eran de pequeno tamaño, valían pouco para traballar e os becerriños moi pequenos. A súa vantaxe era a boa adaptación á agreste Serra do Quinxo. Chamaban a atención polos cornos tan grandes nun corpo tan pequeno. Hoxe esta raza está recuperada e estendida por toda Galicia, dende A Baixa Limia á Serra de Ortegal, dende O Caurel ás terras de Viana. 

 


Camiño. Piñeira de Arcos

Pasamos por Sandiás. Agora continuamos pola beira da estrada e enseguida entramos nun precioso monte de bidos e carballos. O camiño de carro polo que imos é brando. Os pés agradéceno. Todos comentamos o cambio na paisaxe e a fermosura dela. Cruzamos regueiros, vemos fontes, relaxámonos coa sombra, o piar dos paxaros. Isto é o que todos queriamos.

Comadres e compadre. San Salvador dos Penedos

Chegamos a Piñeira de Arcos. Collemos folgos cunha paradiña, froita e auga para subir ata o lugar de San Salvador dos Penedos, situado nun pequeno outeiro. Custa un pouco, xa levamos preto de 20 km e máis de 4 horas nas pernas. Vale a pena. Agora xa comezamos a baixada. A paisaxe é dunha enorme fermosura. Ás veces imos por camiño de carros, outras por carreiros, pero sempre polo medio de carballeiras con algúns bidos nas zonas de auga. Acompáñanos o cuco co seu canto. Así dá gusto camiñar. Non notamos a fatiga.

Burros beigueiros

Ao pouco divisamos no fondo a vila de Allariz. Está a unha carreiriña de can. Baixamos por Paiocordeiro. Aquí vemos os burros veigueiros ou fariñeiros do Proxecto Andrea. Son animais mansos e dóciles. Na nosa casa, sempre houbo un. Librábanos de moitas carrexas ás costas. Eles carraban a diario os feixes de herba para o gando, o gran para o muíño e a fariña de volta, sacos de patacas na recolleita, monllos de millo na colleita, ....

Comida den Allariz

Chegamos a Allariz ás 15:10. Foron 28km. en 6 horas. A fame apreta. Os pés xa non queren camiñar. Moitas son as ganas de sentar, coller o bocadillo e gozar dunha cervexa ben fresca. A compañía tamén e boa. Témolo merecido!!
 
Serafín Vázquez. 20 de abril de 2021.

viernes, 16 de abril de 2021

 

Ruta do Pozo do Demo


Tarde soleada de abril. Día de andaina. Van tamén as miñas comadres, Casi e Berta. O destino é o Pozo do Demo. Saímos do Camiño do Astante en Ábedes. Seguimos polo Camiño dos Fornos Vellos ata o Camiño de San Antón. Pasamos por diante da capela. Ao seu lado está un lagar rupestre usado polos romanos e castrexos para pisar as uvas e sacar o viño. Continuamos de cara ao balneario de Cabreiroá. Cruzamos o regueiro de Ábeles. O cuco acompáñanos co seu canto dende os alto dun freixo ao lado do Regueiro das Quintas. Intento localizalo pero non consigo velo. Sempre está no máis alto das árbores.

 

Imos polo Camiño do Pato, cruzamos a Autovía das Rías Baixas. Ao pouco tempo, despois de saltar polas espondras para cruzar o Regueiro das Quintas, comezamos a subida. Imos polo carreiro ao lado da estrada de Vilardecervos. Logo, desviámonos polo Camiño que vai á Veiga das Meás. A subida é dura polas ladeiras do Montemaior. Chegamos ao chairo. Bebemos, facemos unha paradiña e contemplamos aos nosos pés todo o val de Monterrei. 

Comezamos baixando de cara ao Pozo do Demo ata a Fervenza das Quintas. Este era o destino. Gozamos da beleza das fechas, da natureza, dos sons da auga. Falamos, rimos, miramos. Estamos a gusto. Mereceu a pena o esforzo.


Continuamos polo carreiro de volta. Paramos no Banco máis bonito do mundo. Vemos todo o val. Enfronte nosa o castelo. Pensamos, cantas veces imos lonxe para coñecer e non sabemos o que temos ao noso arredor.

Baixamos pola ladeira, polo camiño de carros. Reparamos en como están as marcas das rodas nas laxes. Moitos carros tiveron que pasar para gastar pouco a pouco as duras rochas! Boas xugadas tiña que haber para subir este monte! Recordos da infancia e dos duros traballos na aldea.

Xa no val imos visitar o xacemento romano do Bouzadoiro, escavado no século pasado por Xesús Taboada Chivite. Trátase dunha “villa” romana, casa de campo. Hoxe está bastante abandonada e case cuberta de xestas.

Volvemos por outro camiño ata Cabreiroá, pasamos de novo polo San Antón e chegamos a casa, cansados. Foron 15km. en tres horas. Esperan unhas cervexas fresquiñas. Valeu a pena!!

Serafín Vázquez. 16 de abril de 2021

miércoles, 14 de abril de 2021

Quinta do Astante 

 

Viño artesán

elaborado con todo coidado e esmero, 

de forma tradicional,

con uva mencía, araúxa e merenzao,

producidas nas ladeiras de Ábedes

a poucos pasos da capela de San Antón.

 

Colleita excelente do ano 2020.

 

 Serafín Vázquez. 14 de abril de 2021.



 

lunes, 12 de abril de 2021


 Camiño de Santiago

Primeira etapa: Monterrei-Zos (Trasmiras)

 

Cruceiro de Monterrei. Km 0

Son as 8:30 do día 11 de abril. Comezamos unha aventura, o Camiño de Santiago,  dende o cruceiro de Monterrei, situado ao pé do castelo. Somos un  grupo de 40 persoas. Vou acompañado polas miñas comadres. A primeira etapa de 26 quilómetros levounos polo noso val entre, as viñas que comezan a agromar ata o lugar de Infesta, onde fixemos o primeiro descanso para repor forzas.  Dende alí comezamos unha moi dura subida ata As Cruces, pasamos por Rebordondo (lugar de moitos recordos dos sete anos vividos aquí), continuamos con outra boa subida ata o alto de Penaverde situado a 850m., onde fixemos a segunda e breve parada. Foron 7 quilómetros moi difíciles. Segundo nos comentan, os máis duros do Camiño. Sentímonos reconfortados por telos superado. Agora avistamos toda a chaira da Limia. Levamos andados 15 dos 26 quilómetros da etapa. Iniciamos un pequeno descenso de outros 3 quilómetros ata Viladerrei. 

 Comadres e compadre. Rebordondo
Todo o traxecto foi moi agradable. Ao comezo entre viñas, logo entre piñeiros, bidos, amieros e carballeiras. O día acompañou, sen chuvia, fresquiño e con algo de sol. A primavera xa se percibe por todos os lados. Xestas floridas, tamén as árbores froiteiras, ruído ameno dos regatos e o canto dos paxaros.  

De Viladerrei ata Zos só nos quedan 7 quilómetros. A xente está animada, pois acabaron as súbidas, agora todo é chairo. Decidimos chegar ao destino e non parar a comer. Imos andando con ganas, xa falta pouco. Iso pensamos. Andamos e andamos. Agora vese o camiño ata moi lonxe. Pola chaira da Limia, entre nabais e trigais,  andas e andas pero non dás chegado ao final. As forzas xa van a menos. Vaia camiños máis dereitos e longos... Nunca os dás acabado. O grupo vaise estirando...Cada quen vai ao seu paso. Por fin, vense lonxe as casas do lugar onde situamos o final de etapa. Parece que falta pouco. Seguimos, seguimos, animámonos e ás 14:45 chegamos ao destino. Despois de 6 horas camiñando, ¡qué satisfacción!! Sentamos, sacamos os bocatas, chegan unhas desexadas cerveciñas ben frías e a disfrutar! Témolo merecido!!

Serafín Vázquez. 12 de abril de 2021.