Camiño de Santiago
Segunda etapa: Zos-Allariz
Día
18 de abril. Son as 9:00. Estamos en Zos (Trasmiras). A mañá está
fresquiña. Só hai 3 graos. Comezamos a andar pola chaira da Limia.
Camiño monótono entre trigais. O percorrido inicial é levadeiro.
Andamos lixeiro. Ao cabo dunha hora cruzamos o río Lethes, hoxe
Limia. Por sorte, a diferencia do que conta a lenda, non nos
esquecemos dos que nos acompañan, pero recordamos o paso das tropas
romanas e como Décimo Xuño Bruto foi chamando polo nome aos
soldados e mostrando que non era tal o que contaban sobre o
esquecemento dos que o cruzaban. Así acabou a conquista do
noroeste.... Recordo tamén a mitoloxía grega e a barca de Caronte
que levaba as almas ao reino de Hades. De aquí procede a lenda do
río do Lethes ou do esquecemento.
 |
Comadres e compadre. Lagoa de Antela
|
Parada
en Xinzo. Atravesamos a vila e seguimos o monótono camiño de cara
ás pequenas lagoas. Antes era a Lagoa de Antela onde estivera a
cidade de Antioquía. Segundo a lenda quedara cuberta pola auga como
castigo pola falta de caridade dos seus habitantes.... Na mañá de
San Xoán aínda se pode ver no fondo o campanario da igrexa. Iso
din...
 |
Cachenas |
Ao
pouco tempo, chegamos a Vilariño das Poldras. A partir de agora, vai
cambiando a paisaxe. Imos de cara a Sandiás. Polo leste está a
chaira da Limia, polo oeste vai aparecendo o monte cheo de arboreda.
Nun campo grande pace un bo número de cachenas. Falamos da súa
procedencia. Cando eu era rapaz quedaban moi poucas no lugar de
Olelas, Entrimo. Daquela non se valoraban, pois eran de pequeno
tamaño, valían pouco para traballar e os becerriños moi pequenos.
A súa vantaxe era a boa adaptación á agreste Serra do Quinxo.
Chamaban a atención polos cornos tan grandes nun corpo tan pequeno.
Hoxe esta raza está recuperada e estendida por toda Galicia, dende A
Baixa Limia á Serra de Ortegal, dende O Caurel ás terras de Viana.
 |
Camiño. Piñeira de Arcos
|
Pasamos
por Sandiás. Agora continuamos pola beira da estrada e enseguida
entramos nun precioso monte de bidos e carballos. O camiño de carro
polo que imos é brando. Os pés agradéceno. Todos comentamos o
cambio na paisaxe e a fermosura dela. Cruzamos regueiros, vemos
fontes, relaxámonos coa sombra, o piar dos paxaros. Isto é o que
todos queriamos.
 |
Comadres e compadre. San Salvador dos Penedos
|
Chegamos
a Piñeira de Arcos. Collemos folgos cunha paradiña, froita e auga
para subir ata o lugar de San Salvador dos Penedos, situado nun
pequeno outeiro. Custa un pouco, xa levamos preto de 20 km e máis de
4 horas nas pernas. Vale a pena. Agora xa comezamos a baixada. A
paisaxe é dunha enorme fermosura. Ás veces imos por camiño de
carros, outras por carreiros, pero sempre polo medio de carballeiras
con algúns bidos nas zonas de auga. Acompáñanos o cuco co seu
canto. Así dá gusto camiñar. Non notamos a fatiga.
 |
Burros beigueiros
|
Ao
pouco divisamos no fondo a vila de Allariz. Está a unha carreiriña
de can. Baixamos por Paiocordeiro. Aquí vemos os burros veigueiros
ou fariñeiros do Proxecto Andrea. Son animais mansos e dóciles. Na
nosa casa, sempre houbo un. Librábanos de moitas carrexas ás
costas. Eles carraban a diario os feixes de herba para o gando, o
gran para o muíño e a fariña de volta, sacos de patacas na
recolleita, monllos de millo na colleita, ....
 |
Comida den Allariz
|
Chegamos
a Allariz ás 15:10. Foron 28km. en 6 horas. A fame apreta. Os
pés xa non queren camiñar. Moitas son as ganas de sentar, coller o
bocadillo e gozar dunha cervexa ben fresca. A compañía tamén e
boa. Témolo merecido!!
Serafín Vázquez. 20 de abril de 2021.
No hay comentarios:
Publicar un comentario