Xosé Carlos Caneiro

Escritor verinense de final do século XX e comezos do XXI

Dende hai máis de
40 anos a gandería extensiva en Galicia foise reducindo ata practicamente
desaparecer nos últimos anos. Os que nos criamos no rural, na montaña interior
puidemos comprobar a afirmación anterior. A comezos dos anos 80 as aldeas tiñan
vida, porque había moitas familias instaladas alí. Vivían da agricultura e a
gandería. Traballaban as terras e mantiñan os montes rozados e limpos. Toda a
facenda que había ocupábase diso: vacas, cabras, ovellas, cabalos…. Todo isto
foi desaparecendo. Tamén foi desaparecendo a xente. Creo que coa chegada das
granxas, a explotación intensiva foi matando a outra gandería. Cando regresas á
casa natal, paseas polos camiños, andas polas corredoiras dá pena, porque non
ves unha alma. Como moito atopas un vello/a, viúva que vai buscar a auga á
fonte. Percorres todo o labrado e non te atopas con ninguén. Pola maioría dos
camiños de carro e carreiros xa non se dá pasado. Ás veces, só furando entre o brosque como fai o lobo e o xabarín.
Comeza a nacer o día. Todo está branco, branco de neve. Dá gusto mirar pola ventá para contemplar ese manto brillante todo arredor. Pena que a néboa non deixe ver o castelo. Cremos que non imos poder saír no coche. Os vinte centímetros de neve e a pequena subida ata a saída, poden poñernos en apuros. Quizais haxa que botar man da pa para retirar a neve. Subimos ao coche con bastante antelación. Pouco a pouco imos avanzando sen pararnos. Logramos chegar á estrada. Agora será máis fácil, pois xa hai rodeiras de pasaren outros e imos baixando. Polas rúas de Verín xa se circula mellor. Os rapaces camiñan con dificultade polas beirarrúas para ir aos institutos. Faltan moitos. Non hai transporte e, incluso, en algún centro suspenderon as clases. Todo parece transcorrer sen dificultade. Os cidadáns fan vida normal, só hai que camiñar con precaución. O tema de conversación repítese. Hai máis de vinte anos que non nevaba tanto en Verín. Parece que imos ter neve para varios días... É así. Tres días despois todo segue nevado. Os nenos xogan no patio do cole coa pouca neve que hai tirándoa uns aos outros. Haberá que aproveitar esta ocasión para gozar dela ... e así o fixemos.
Que ilusión cando
empezaron a caer as primeiras folerpas. Viña mansiña e seca. Parecía a flor das
árbores cando as leva o vento. Pouco a pouco foi indo a máis. Ao cabo de dúas
horas todo o campo estaba branco. Os cans e os gatos (sempre dormen e viven
fóra de casa) andaban desorientados. Non sabían por onde pisar. Eu non podía
crer que despois de 9 anos sen ver a neve nos arredores da casa (Carlos tiña
dous aniños, non a recordaba), caera con tanta intensidade. Xa era de noite e
nas fincas veciñas, sen luz ningunha, víase todo coma se fose día. Era a
primeira vez que tiña esta sensación de ver moito máis ca esas noites de verán
con lúa chea. Eu que de neno pisaba e xogaba todos os invernos durante semanas
ou meses coa neve na Montaña de Entrimo, non recordaba esta claridade en plena
escuridade da noite. Nós, que estabamos tan necesitados de auga, na comarca de
Monterrei, por fin chegara en forma de neve.
Año de nieves, año de bienes. Esperemos que continúe, agora como chuvia.
Este 27 de febreiro de 2018 é un bo día. Hai outra razón moito maior, moi
importantísima para min, pois o 27 de febreiro de hai 18 anos, ás 18 e 18 h.,
nacera unha estrela… Para ti, miña nena.
Son as catro da tarde. Quenta o sol morno de febreiro. Saes á finca para ver as primeiras leitugas que acaban de nacer. Apenas abres a porta da casa e un cheiro a fume e a
lume bate nos fociños. En pleno inverno, con mañás de -9 graos, xa
comezan a pasar as avionetas por enriba das nosas cabezas. Non se ven
as chamas, pero intúes que non pode ser moi lonxe. O cheiro a queimado e
un leve fume nolo indica. Que pasará para que xa volvan os incendios? Será polas temperaturas do mediodía tan altas? Será pola seca que temos no Val de Monterrei? Consultados os datos de precipitación do que levamos de ano, recolléronse na estación de Vilela-Verín só 22,5 litros por metro cadrado durante estes dous meses de 2018. Na televisión de Galicia dicían que hai uns días en zonas da provincia de Coruña recolleran nun día só máis de 60 litros. Que pasa no noso val para que non chova? Moitos de nós temos comprobado, cando vimos de Ourense, que chove todo o traxecto, pero ao chegar ás inmediacións do alto das Estivadas xa para de chover. Toda a baixada cara a Verín xa temos a autovía completamente seca. Logo escoitas que no alto de Fumaces, A Gudiña... si que choveu moito. Por que non chove no noso val? Existe algunha corrente de aire que desvía as nubes? Será un castigo divino? Este ano todos estamos desconfiando que vai volver ser un ano de moitas xeadas (as do ano pasado, segundo algúns maiores do lugar, non se produciran tan elevadas dende había 52 anos) e moita seca, parecida ou peor á do 2017. Volverá ser outro ano de tantos incendios e de tanto perigo para os lugares e a poboación? Algo debe estar cambiando no clima, non cren?