martes, 27 de febrero de 2018

Incendio en Monterrei.

Son as catro da tarde. Quenta o sol morno de febreiro. Saes á finca para ver as primeiras leitugas que acaban de nacer. Apenas abres a porta da casa e un cheiro a fume e a lume bate nos fociños. En pleno inverno, con mañás de -9 graos, xa comezan a pasar as avionetas por enriba das nosas cabezas. Non se ven as chamas, pero intúes que non pode ser moi lonxe. O cheiro a queimado e un leve fume nolo indica. Que pasará para que xa volvan os incendios? Será polas temperaturas do mediodía tan altas? Será pola seca que temos no Val de Monterrei? Consultados os datos de precipitación do que levamos de ano, recolléronse na estación de Vilela-Verín só 22,5 litros por metro cadrado durante estes dous meses de 2018. Na televisión de Galicia dicían que hai uns días en zonas da provincia de Coruña recolleran nun día só máis de 60 litros. Que pasa no noso val para que non chova? Moitos de nós temos comprobado, cando vimos de Ourense, que chove todo o traxecto, pero ao chegar ás inmediacións do alto das Estivadas xa para de chover. Toda a baixada cara a Verín xa temos a autovía completamente seca. Logo escoitas que no alto de Fumaces, A Gudiña... si que choveu moito. Por que non chove no noso val? Existe algunha corrente de aire que desvía as nubes? Será un castigo divino? Este ano todos estamos desconfiando que vai volver ser un ano de moitas xeadas (as do ano pasado, segundo algúns maiores do lugar, non se produciran tan elevadas dende había 52 anos) e moita seca, parecida ou peor á do 2017. Volverá ser outro ano de tantos incendios e de tanto perigo para os lugares e a poboación? Algo debe estar cambiando no clima, non cren?

Serafín Vázquez, 27 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario