miércoles, 28 de febrero de 2018




Pisando neve

 Que ilusión cando empezaron a caer as primeiras folerpas. Viña mansiña e seca. Parecía a flor das árbores cando as leva o vento. Pouco a pouco foi indo a máis. Ao cabo de dúas horas todo o campo estaba branco. Os cans e os gatos (sempre dormen e viven fóra de casa) andaban desorientados. Non sabían por onde pisar. Eu non podía crer que despois de 9 anos sen ver a neve nos arredores da casa (Carlos tiña dous aniños, non a recordaba), caera con tanta intensidade. Xa era de noite e nas fincas veciñas, sen luz ningunha, víase todo coma se fose día. Era a primeira vez que tiña esta sensación de ver moito máis ca esas noites de verán con lúa chea. Eu que de neno pisaba e xogaba todos os invernos durante semanas ou meses coa neve na Montaña de Entrimo, non recordaba esta claridade en plena escuridade da noite. Nós, que estabamos tan necesitados de auga, na comarca de Monterrei, por fin chegara en forma de neve. Año de nieves, año de bienes. Esperemos que continúe, agora como chuvia. Este 27 de febreiro de 2018 é un bo día. Hai outra razón moito maior, moi importantísima para min, pois o 27 de febreiro de hai 18 anos, ás 18 e 18 h., nacera unha estrela… Para ti, miña nena.


Serafín Vázquez, 28 de febreiro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario