Deberes si, deberes non.
Este é un debate
que vén de moi atrás. Hai quen opina que os nenos nos primeiros anos da súa
etapa escolar non deben levar tarefas para casa, porque lles debe ser
suficiente o tempo na escola para realizar todo o traballo. Pensan que as
tardes, hoxe a maioría dos coles só teñen clase de mañá, son para xogar, para
actividades propias, para o lecer. Outros, en cambio, pensamos que dende
pequenos lles é bo levar algunha actividade para casa, para que se vaian
afacendo a traballar eles sós, para que adquiran autonomía, para que se vaian
facendo responsables. Non se trata de que vaian cargados de libros e deberes
con 6 ou 7 aniños. Trátase de que teñan algo para facer en 20, 30 minutos: un
exercicio, unha conta, un contiño para ler…. Considero que lles é moi positivo
que vaian adquirindo hábito dende pequenos. Con 11 ou 12 anos xa van ter que
facer traballos, estudar… Cando vaian para a ESO terán máis, en bacharelato
máis… Nesta etapa terán que estudar unhas cantas horas diarias. Como van estar
estudando 4 horas diarias se non foron adquirindo paulatinamente ese hábito de
estudo necesario? Como pai dun neno de 5º de primaria e dunha nena de 2º de Bach.,
ademais de profesor dende hai xa uns poucos anos, creo que teño certos
argumentos. Como van estudar as horas
necesarias na carreira? Como van ser autónomos para preparar temas, facer
traballos… se antes non o fixeron?
Os valores, os
hábitos na vida vanse adquirindo pouco a pouco dende pequenos. Aos adultos é
difícil facernos cambiar, levarnos ao rego, endereitarnos se xa estamos torcidos.
Creo que debemos fomentar e valorar o esforzo na escola, o traballo diario, a
responsabilidade. Se cadra, estou equivocado.
Serafín Vázquez, 16 de marzo de 2018