Cando souben da noticia non daba creto. Non é xusto que unha persoa tan
nova e vital, con tantas ganas de facer unha morea de cousas, nos deixe de
repente, tan novo e para sempre. El é Óscar Sánchez Vidal, profesor de latín no
IES das Lagoas en Ourense
Había tempo que non tiña contacto con el, pero non por iso o esquecera.
Un amigo nunca se esquece. Creo recordar que a última vez que nos vimos fora
alá polo 2010, nun curso que organizara eu no CFR de Ourense para profesores de latín e
grego.
Todos estes últimos días non deixo de lembrar aqueles anos en
Compostela. El foi dende que comezamos na facultade de Filoloxía, en Mazarelos
o meu amigo. Era o ano 1983. Aínda que eramos bastante diferentes, conectamos
dende o primeiro momento. Cando digo o meu amigo, non quero molestar a outros
que tamén o foron e a moitos máis compañeiros cos que compartimos aulas durante
seis anos (incluído o CAP) entre 1983 e 1989 e que acabaron sendo e considero
tamén amigos. Pero el e mais eu fomos compañeiros de aula, compañeiros de mesa
na biblioteca, o que lle pasaba os apuntes un ao outro, se algún faltaba a
clase, os que se axudaban a preparar os exames, colega con dous ou tres máis,
dende primeiro, nos viños de mediodía na facultade de Historia e do Franco, colega
de copas despois dos exames nas noites compostelás. Despois de dous ou tres
anos xuntos, creo que xa todos os da clase, moi pequena, eramos amigos. Houbo
un acontecemento que realizamos xuntos e que nos uniu fortemente en 4º: un Congreso
en Madrid ao que acudiramos practicamente toda a clase. Aquela semana por
Madrid os lazos entre nós ligáronos para sempre. Aparte das sesións intensas,
fixemos moitas máis cousas. Visitamos o Museo do Prado e outros máis, o Retiro,
visitamos Aranjuez e Toledo, incluso me acordo de ir ver o partido no Bernabeu
entre o R. Madrid e o Bayern de Munich da Copa de Europa (ano 87), tamén
coñecemos algo das noites da movida madrileña dos 80. (non puiden evitar
remover nos álbums de fotos e mirar as que conservo daquela viaxe).

Astorga, 1985. Pepe, Arjones, Nerga, Mari, Serafín, Óscar, Rosende
Foi unha parada no camiño. Ía moito frío, a xulgar polos pelos, as
caras. Ao lado desta foto tiña posto “Mocedades”.
Madrid, 1987. Óscar, Pepe, Clara,
Serafín (sentados). Mari, Nerga, Abilleira.
Era na entrada do xardín botánico. Parece que estabamos cansos despois te tanta visita.
Tertulia no Café Gijón,Madrid. 1987. Clara, Arjones, Óscar, Inma, Mari,
Pepe, Nerga, Abilleira, (a seguinte non a lembro), Serafín.
Moitos tiñan cara de intelectuais como os das famosas tertulias.
Lembro nitidamente cando nun verán o meu amigo apareceu nas festas do
15 de agosto do ano 85 ou 86 en Entrimo, ou mellor, en Venceáns para pasar dous
días na miña casa. Creo que foi o único dos compañeiros que visitou a miña aldea
e outros lugares do Xurés, como a praia fluvial dos Aguinchos, agora sepultada
polo encoro.
Aguinchos, Entrimo. 1985.
Serafín, Juan Luis, Rogelio, Castor, Óscar.
Visita e merenda neste recreo
fluvial cos meus veciños-turistas. Un estaba en Francia, outro en Barcelona,
outro en Andorra.
Despois de acabar a carreira, no seguinte ano seguimos todos xuntos,
durante o curso do CAP. Eu ese ano compaxínabao con varias materias de 3º e 4º
de Filoloxía galega, algo que xa me roldaba pola cabeza dende dous ou tres anos
antes. Eles preparaban a oposición. A partir de aí, cada un foi indo polo seu
camiño e en poucas ocasións se cruzaron. Uns como profes de latín, outros de grego. Eu
cambiara as declinacións por cláusulas e oracións; a Virxilio, Horacio,
Sófocles, Cicerón, ..., por Rosalía, Otero, Castelao, .... Isto fixo que en moi
poucas ocasións coincidira cos meus amigos de clásicas. Ademais, o feito de
vivir no retiro apartado de Monterrei, fai que houbera menos puntos para
encontrarnos. Así e todo, nos primeiros anos coincidín co meu amigo en
diferentes reunións de traballo e tamén compartimos algún que outro café. Toda
ocasión era boa para falar e lembrar entrañables momentos e amigos de carreira.
Podería estar escribindo páxinas e páxinas; podería seguir contando
feitos, anécdotas, bos momentos que pasamos xuntos durante horas e horas. Mais
só quero dicir que dende agora me falta unha persoa, das mellores, que coñecín
e coa que compartín unha boa etapa da miña vida, sobre todo da miña
inesquecible etapa compostelá. Non lembro ningún mal momento, enfado, discusión
con el. Só teño bos recordos del. Sempre contei co seu apoio. Sempre tiven a
súa axuda nos momentos que o precisei. Graciñas, onde esteas e se podes vernos
e escoitarnos, por ser MEU AMIGO.
Unha forte aperta e moito ánimo, Eva.
Serafín
.