jueves, 16 de enero de 2014

FOISE UN AMIGO

Cando souben da noticia non daba creto. Non é xusto que unha persoa tan nova e vital, con tantas ganas de facer unha morea de cousas, nos deixe de repente, tan novo e para sempre. El é Óscar Sánchez Vidal, profesor de latín no IES das Lagoas en Ourense

Había tempo que non tiña contacto con el, pero non por iso o esquecera. Un amigo nunca se esquece. Creo recordar que a última vez que nos vimos fora alá polo 2010, nun curso que organizara eu  no CFR de Ourense para profesores de latín e grego.

Todos estes últimos días non deixo de lembrar aqueles anos en Compostela. El foi dende que comezamos na facultade de Filoloxía, en Mazarelos o meu amigo. Era o ano 1983. Aínda que eramos bastante diferentes, conectamos dende o primeiro momento. Cando digo o meu amigo, non quero molestar a outros que tamén o foron e a moitos máis compañeiros cos que compartimos aulas durante seis anos (incluído o CAP) entre 1983 e 1989 e que acabaron sendo e considero tamén amigos. Pero el e mais eu fomos compañeiros de aula, compañeiros de mesa na biblioteca, o que lle pasaba os apuntes un ao outro, se algún faltaba a clase, os que se axudaban a preparar os exames, colega con dous ou tres máis, dende primeiro, nos viños de mediodía na facultade de Historia e do Franco, colega de copas despois dos exames nas noites compostelás. Despois de dous ou tres anos xuntos, creo que xa todos os da clase, moi pequena, eramos amigos. Houbo un acontecemento que realizamos xuntos e que nos uniu fortemente en 4º: un Congreso en Madrid ao que acudiramos practicamente toda a clase. Aquela semana por Madrid os lazos entre nós ligáronos para sempre. Aparte das sesións intensas, fixemos moitas máis cousas. Visitamos o Museo do Prado e outros máis, o Retiro, visitamos Aranjuez e Toledo, incluso me acordo de ir ver o partido no Bernabeu entre o R. Madrid e o Bayern de Munich da Copa de Europa (ano 87), tamén coñecemos algo das noites da movida madrileña dos 80. (non puiden evitar remover nos álbums de fotos e mirar as que conservo daquela viaxe).















Astorga, 1985. Pepe, Arjones, Nerga, Mari, Serafín, Óscar, Rosende

Foi unha parada no camiño. Ía moito frío, a xulgar polos pelos, as caras. Ao lado desta foto tiña posto “Mocedades”.

Madrid, 1987. Óscar, Pepe, Clara, Serafín (sentados). Mari, Nerga, Abilleira.

Era na entrada do xardín botánico. Parece que estabamos cansos despois te tanta visita.
  



  










Tertulia no Café Gijón,Madrid. 1987. Clara, Arjones, Óscar, Inma, Mari, 
Pepe, Nerga, Abilleira, (a seguinte non a lembro), Serafín.

Moitos tiñan cara de intelectuais como os das famosas tertulias.


Lembro nitidamente cando nun verán o meu amigo apareceu nas festas do 15 de agosto do ano 85 ou 86 en Entrimo, ou mellor, en Venceáns para pasar dous días na miña casa. Creo que foi o único dos compañeiros que visitou a miña aldea e outros lugares do Xurés, como a praia fluvial dos Aguinchos, agora sepultada polo encoro.






















Aguinchos, Entrimo. 1985. Serafín, Juan Luis, Rogelio, Castor, Óscar.

Visita e merenda neste  recreo fluvial cos meus veciños-turistas. Un estaba en Francia, outro en Barcelona, outro en Andorra.

Despois de acabar a carreira, no seguinte ano seguimos todos xuntos, durante o curso do CAP. Eu ese ano compaxínabao con varias materias de 3º e 4º de Filoloxía galega, algo que xa me roldaba pola cabeza dende dous ou tres anos antes. Eles preparaban a oposición. A partir de aí, cada un foi indo polo seu camiño e en poucas ocasións se cruzaron.  Uns como profes de latín, outros de grego. Eu cambiara as declinacións por cláusulas e oracións; a Virxilio, Horacio, Sófocles, Cicerón, ..., por Rosalía, Otero, Castelao, .... Isto fixo que en moi poucas ocasións coincidira cos meus amigos de clásicas. Ademais, o feito de vivir no retiro apartado de Monterrei, fai que houbera menos puntos para encontrarnos. Así e todo, nos primeiros anos coincidín co meu amigo en diferentes reunións de traballo e tamén compartimos algún que outro café. Toda ocasión era boa para falar e lembrar entrañables momentos e amigos de carreira.

Podería estar escribindo páxinas e páxinas; podería seguir contando feitos, anécdotas, bos momentos que pasamos xuntos durante horas e horas. Mais só quero dicir que dende agora me falta unha persoa, das mellores, que coñecín e coa que compartín unha boa etapa da miña vida, sobre todo da miña inesquecible etapa compostelá. Non lembro ningún mal momento, enfado, discusión con el. Só teño bos recordos del. Sempre contei co seu apoio. Sempre tiven a súa axuda nos momentos que o precisei. Graciñas, onde esteas e se podes vernos e escoitarnos, por ser MEU AMIGO.
Unha forte aperta e moito ánimo, Eva.

Serafín















.


7 comentarios:

  1. que duro se nos fai asimilar a morte dun amigo coma Óscar, e máis cando temos o convencemento que esta é prematura, de que a natureza se enganou... de que a vida moitas veces é inxusta.
    Este artigo tan fermoso é un sinceiro canto á amizade, grazas por axudarnos a recordar todo o bo de Óscar e a recuperar unha parte importante da nosa mocidade.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas, amiga. Daquela tiñamos pelo, non había canas, nin enrugas, nin tanto peso,.... Daquela eramos unha moi "boa familia" de mozos/as.... entusiasmados coa vida

      Eliminar
  2. canto me acabo de emocionar lendo esta lembranza que formará para sempre una parte imborrable das nosas vitas. Non puiden evitar unas lagrimiñas vendo esas fotos de cando eramos mozos e estábamos todos. Agora fáltanos un cacho. E canto doe...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Eramos mozos cheos de ilusións.... Estabamos todos...

      Eliminar
  3. Respuestas
    1. Xa tiña posto o nome de Inés, pero logo dubidei con Isabel. Para non meter a zoca...

      Eliminar
    2. Son Benigno ( O arconte) estaba a buscar algo de clásicos para un curso qu estou a facer e atopeime con esta noticia. Xa hai anos que non sabía del pero para enterarse desto é mellor non saber nada. Un saúdo

      Eliminar