Un control remoto parece pilotar a túa vida, como un
autómata que camiña ao ritmo que impoñen sátrapas e listos e listillos.
Rebélate, digo con v, revélate: non deixes de ser ti. Camiña os teus
propios pasos. Equivócate por ti mesmo. Cruza as liñas prohibidas:
prohibida a sensibilidade, o entusiasmo, recitar versos á lúa. Sente por
ti. Por ti ama. En Orión hai estrelas pintadas co teu nome. Soña: os
teus propios soños, azuis ou negros, amarelos ou rosa de Alexandría,
tigre de Borges ou Merlín, Cortázar de cen anos ou meiguizo encanto
fascinio Cunqueiro. Emociónate: se habitas o país das emocións,
comprenderás que fermosa xenerosa doce intensa é a vida. Baila. Se o
corpo non é capaz de moverse, baila na alma. Así, bailando, verás como
van marchando, corre que te corre, os males. Canta, tamén. E se non é
coa voz, canta dende o corazón as palabras lindas, de esperanza. Non
repitas as tristes palabras tristes. Non penses nelas. Cando veña a
chuvia, di sol. Cando as lágrimas, di risa. Cando te sintas só e
perdido, pensa que encontras outra vez o último amor, grande amor, amor
imprescindible amor. Non permites que te controlen, repito outra vez.
Non renuncies a edificar o teu reino en medio de tantas ruínas. Non
creas que as últimas malas noticias son as únicas noticias. Naceu Iria,
hai adolescentes bicándose no banco do parque, hai maduros que se volven
namorar, hai un Messi no partido do patio, Carliños quere ser porteiro e
-tan feliz- non deixa de falar de fútbol. Hai quen sae das depresións, e
quen non quere entrar nelas. Hai ilusións. Hai xente que mira con
tenrura. Hai quen cumpre. Hai quen consola. Hai tanta xente con valor
que xa non ten sentido, este outubro, a melancolía.
X. Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 2 de outubro de 2014. Queriamos que fose un Messi, pero saíunos un Victor Valdés... Son tempos de viño novo, cogumelos e castañas... Tempo de ilusións, entusiasmo, abrazos e sensibilidade. Hai que desterrar o pesemismo e a melancolía... Iso é tempo pasado.