martes, 26 de enero de 2010

Ferrín e a RAG


Dende o 23 de xaneiro de 2010 a Real Academia Galega conta cun novo presidente. Para todos os que amamos a lingua e a literatura galega e a cultura en xeral, é un honor que a máis importante institución das nosas letras estea presidida polo mellor escritor vivo da nosa literatura. Persoa comprometida co idioma dende sempre, intelectual do mais alto nivel, brillantísimo poeta e narrador. Congratulámonos por dar este paso adiante, quen fuxiu durante moitos anos de asumir responsabilidades, sobre todo, relacionadas con traballos burocráticos.

Nestes tempos de debate sobre o Decreto do galego, a Consellería debería ter moi en conta a opinión da RAG. Nela están os intelectos máis lúcidos das nosas letras. O informe que elaboraron non vai en contra de ninguén, senón, simplemente, en defensa da lingua de Nós, lingua, aínda non normalizada, e que, igual que a muller na sociedade actual, merece unha descriminación positiva para que sobreviva neste mundo globalizado. Debemos prestixiar o idioma, e sobre todo, entregarllo aos nosos fillos como a máis prezada herdanza. Esta é a clave: a transmisión xeracional.

Seguro que o presidente da RAG (Xosé Luís Méndez Ferrín) e os outros que están ao fronte, F. Fernández Rei, M. González, X. Ferro Ruibal e todos os demais da Academia, expertos lingüístas, escritores, historiadores, farán todo o que lles sexa posible para que a nosa lingua "dure mil primaveras máis".

Parabéns a Ferrín, á Academia e ás Nosas Letras!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario