viernes, 24 de enero de 2014

Furioso



Oitenta e cinco ricos do mundo teñen tanto diñeiro como tres mil cincocentos setenta millóns de pobres. O 1 % das familias máis poderosas acaparan o 46 % da riqueza do mundo. En España, as 20 persoas máis ricas posúen unha fortuna similar aos ingresos do 20 por cento da poboación máis pobre. Son datos que deu a coñecer o pasado luns Intermón Oxfam. Non pasou nada. Os gobernantes continuaron coa súa vida rutinaria, anunciando a inocencia da infanta (¿farían o mesmo contigo?), falándonos de primas de risco, finanzas, Europa. Permítanme a furia. Que esta columna sentimental troque o seu título: columna de amargura. Porque non coñezo outro substantivo para escribir este vinte e tres de xaneiro. Amargo o mundo que entre todos construímos. Amargo o revés clamoroso de gobernantes e gobernados. Amargo o sabor dos días cando coñecemos datos tan plenos de oprobio e humillación do xénero humano. E pensamos que somos un mundo en progreso. Que avanzamos. Que sorteamos dificultades. É mentira. O ser humano é menos humano. Menos humanas as vidas. Os vínculos. Inhumanas as palabras. Eu son un fracasado. Coma ti, cómplice de cada xoves. Pertencemos a este mundo desenvolvido que é incapaz de desenvolver a tenrura, os abrazos, a solidariedade. Escribimos do corazón cando o corazón está na uci. Fracasan os gobernantes, a educación, os valores. Todos, en conxunto. Haberá que empezar a edificar un mundo menos pestilente. Este afógase na súa propia suciedade. E con el, inanes, perecemos todos. Este mundo sucio, insisto. Hostil, desfavorable, adverso, rudo, áspero. Furioso. E furioso, tristemente, escribo.

X. Carlos Caneiro. La Voz de Galicia. 23 de xaneiro de 2014


Concordo totalmente contigo, irmán. Onde está a solidaridade, a tenrura, os abrazos? Cada día somos menos humanos. Cales son os valores que transmitimos á mocidade...? Que educación temos,...? Eu tamén son un fracasado.... 

jueves, 16 de enero de 2014

FOISE UN AMIGO

Cando souben da noticia non daba creto. Non é xusto que unha persoa tan nova e vital, con tantas ganas de facer unha morea de cousas, nos deixe de repente, tan novo e para sempre. El é Óscar Sánchez Vidal, profesor de latín no IES das Lagoas en Ourense

Había tempo que non tiña contacto con el, pero non por iso o esquecera. Un amigo nunca se esquece. Creo recordar que a última vez que nos vimos fora alá polo 2010, nun curso que organizara eu  no CFR de Ourense para profesores de latín e grego.

Todos estes últimos días non deixo de lembrar aqueles anos en Compostela. El foi dende que comezamos na facultade de Filoloxía, en Mazarelos o meu amigo. Era o ano 1983. Aínda que eramos bastante diferentes, conectamos dende o primeiro momento. Cando digo o meu amigo, non quero molestar a outros que tamén o foron e a moitos máis compañeiros cos que compartimos aulas durante seis anos (incluído o CAP) entre 1983 e 1989 e que acabaron sendo e considero tamén amigos. Pero el e mais eu fomos compañeiros de aula, compañeiros de mesa na biblioteca, o que lle pasaba os apuntes un ao outro, se algún faltaba a clase, os que se axudaban a preparar os exames, colega con dous ou tres máis, dende primeiro, nos viños de mediodía na facultade de Historia e do Franco, colega de copas despois dos exames nas noites compostelás. Despois de dous ou tres anos xuntos, creo que xa todos os da clase, moi pequena, eramos amigos. Houbo un acontecemento que realizamos xuntos e que nos uniu fortemente en 4º: un Congreso en Madrid ao que acudiramos practicamente toda a clase. Aquela semana por Madrid os lazos entre nós ligáronos para sempre. Aparte das sesións intensas, fixemos moitas máis cousas. Visitamos o Museo do Prado e outros máis, o Retiro, visitamos Aranjuez e Toledo, incluso me acordo de ir ver o partido no Bernabeu entre o R. Madrid e o Bayern de Munich da Copa de Europa (ano 87), tamén coñecemos algo das noites da movida madrileña dos 80. (non puiden evitar remover nos álbums de fotos e mirar as que conservo daquela viaxe).















Astorga, 1985. Pepe, Arjones, Nerga, Mari, Serafín, Óscar, Rosende

Foi unha parada no camiño. Ía moito frío, a xulgar polos pelos, as caras. Ao lado desta foto tiña posto “Mocedades”.

Madrid, 1987. Óscar, Pepe, Clara, Serafín (sentados). Mari, Nerga, Abilleira.

Era na entrada do xardín botánico. Parece que estabamos cansos despois te tanta visita.
  



  










Tertulia no Café Gijón,Madrid. 1987. Clara, Arjones, Óscar, Inma, Mari, 
Pepe, Nerga, Abilleira, (a seguinte non a lembro), Serafín.

Moitos tiñan cara de intelectuais como os das famosas tertulias.


Lembro nitidamente cando nun verán o meu amigo apareceu nas festas do 15 de agosto do ano 85 ou 86 en Entrimo, ou mellor, en Venceáns para pasar dous días na miña casa. Creo que foi o único dos compañeiros que visitou a miña aldea e outros lugares do Xurés, como a praia fluvial dos Aguinchos, agora sepultada polo encoro.






















Aguinchos, Entrimo. 1985. Serafín, Juan Luis, Rogelio, Castor, Óscar.

Visita e merenda neste  recreo fluvial cos meus veciños-turistas. Un estaba en Francia, outro en Barcelona, outro en Andorra.

Despois de acabar a carreira, no seguinte ano seguimos todos xuntos, durante o curso do CAP. Eu ese ano compaxínabao con varias materias de 3º e 4º de Filoloxía galega, algo que xa me roldaba pola cabeza dende dous ou tres anos antes. Eles preparaban a oposición. A partir de aí, cada un foi indo polo seu camiño e en poucas ocasións se cruzaron.  Uns como profes de latín, outros de grego. Eu cambiara as declinacións por cláusulas e oracións; a Virxilio, Horacio, Sófocles, Cicerón, ..., por Rosalía, Otero, Castelao, .... Isto fixo que en moi poucas ocasións coincidira cos meus amigos de clásicas. Ademais, o feito de vivir no retiro apartado de Monterrei, fai que houbera menos puntos para encontrarnos. Así e todo, nos primeiros anos coincidín co meu amigo en diferentes reunións de traballo e tamén compartimos algún que outro café. Toda ocasión era boa para falar e lembrar entrañables momentos e amigos de carreira.

Podería estar escribindo páxinas e páxinas; podería seguir contando feitos, anécdotas, bos momentos que pasamos xuntos durante horas e horas. Mais só quero dicir que dende agora me falta unha persoa, das mellores, que coñecín e coa que compartín unha boa etapa da miña vida, sobre todo da miña inesquecible etapa compostelá. Non lembro ningún mal momento, enfado, discusión con el. Só teño bos recordos del. Sempre contei co seu apoio. Sempre tiven a súa axuda nos momentos que o precisei. Graciñas, onde esteas e se podes vernos e escoitarnos, por ser MEU AMIGO.
Unha forte aperta e moito ánimo, Eva.

Serafín















.


martes, 17 de diciembre de 2013

jueves, 21 de junio de 2012

 VENTURAS
 
O sol que inaugura, en xoves, o baúl de música do estío. A familia. Os amigos. Os libros da miña biblioteca, os libros que quedan por ler. O recendo a herba cortada. A auga fría no rostro ao espertar. A auga de colonia. A poesía. Os paxaros que cantan cando abre o día. As ganas de ser escritor, agora que deixei de selo. As lágrimas que saben doces. As lágrimas de emoción. Os partidos de fútbol. Unha comida con palabras e miradas e palabras e miradas. As boas compañías, e as malas: porque en ocasións boto de menos o seu sabor a melancolía e güisqui malta. O cine. Os que xa non cantan comigo boleros pero están presentes, aínda. As cancións que envolven mil toneladas de tenrura. Os abrazos que damos e os que quedan por dar. Unha copa de viño. José Luis Mateo, que aínda cre que facer viño é unha arte maior. Os que están permanentemente, os que empuxan, os que non permiten que a derrota cabalgue no xardín. Os que saben que soñar importa. Os que levantan o ánimo. Os que baixan a garda, para que o verán penetre en medio das entrañas. O sorriso. As risas. A nostalxia que camiña entre os dedos e acaricia. Os bos recordos. Os bos desexos. A noite lume de San Xoán. A mirada da avoa, do avó, que aínda ves cando pechas as pálpebras. O arroz con leite. As uvas. O castelo de Monterrei. As praias do meu país: area por area. Ulises. Proust. Rayuela. A pel que acariña, a pel que exalta. Meter as mans e os pés no río. Os ollos que iluminan. As miradas cómplices. As pedras do meu país. O chocolate. Praceres: aquel poema alegre, por fin, de Bertolt Brecht. Gozos, a pesar das sombras. Quero dicir, venturas.
Xosé Carlos Caneiro, La Voz de Galicia. 21 de xuño de 2012.

martes, 15 de marzo de 2011

Debe


Ha de pagar algún día, a vida, todas as débedas que ten contigo. Debe todas as lágrimas que choraches, soa, só, no medio dun cuarto que nunca miraba o mar. Debe a melancolía que entregaches, a nostalxia, as cousas pequenas que botas de menos e agardan por ti na árbore da infancia que gateabas: traste, rebelde rebelde. Debe brillo ás túas pálpebras: faros que iluminan aínda, transparentes, guiando os barcos que veñen do alén cargados de trigo. Debe a tenrura que regalaches e non che devolveron, as risas desperdiciadas, as cancións que non souberon cantar contigo. Debe os soños perdidos: somos o que soñamos; somos, tamén, o que perdemos. Debe un bolero que non acabaches de bailar e un poema que ninguén escribiu: cando non estás, neva. Debe a vida todas as ganas de vivir que quedaron no caixón do peito, aí, onde perduran as tristezas máis que o gozo (o exceso de sentido común é, en ocasións, un problema que os seres humanos non sabemos resolver). Debe unha partida de cartas na que ti teñas todos os ases. Debe, quizá, mil gramos de lascivia e humidade e bicos de esponxa e linguas que poro a poro cabalguen o teu corpo suave evanescente fértil. Debe a vida todo o que ti vales. Ti, precisamente ti. Son capaz de proclamalo sen coñecerte, sen saber de ti nada máis que esta columna que vas recortar e pegar no espello de cada mañá sen sol: abrázate, quérete, insiste en quererte. A vida debe. Algún día ha de pagar. Daquela agardarei un sinal de fume que debuxe, como unha lúa, o teu rostro no horizonte. Comprenderei así que valeu para algo esta columna de martes. Escribir, parece mentira, é un modo de amar.

X. Carlos Caneiro. La Voz de Galicia. 15 de marzo de 2011

martes, 30 de noviembre de 2010

Don Paco


O sábado pasado deixounos un dos maiores intelectuais da nosa cultura dos últimos 100 anos: D. Francisco Fernández del Riego. Dende mozo estivo comprometido coa lingua, coa cultura, con Galicia. Nos anos 30 colaborou co Grupo Nós e o Partido Galeguista. Despois da guerra e do silencio dos anos 4o, vai ser o gran impulsor, xunto con D. Ramón Piñeiro, do renacemento da nosa lingua e literatura. Nos anos 50 participa na fundación de Galaxia e da revista Grial. Foi membro da Real Academia Galega dende 1960 e no 1997 foi elixido presidente da mesma ata o 2001. Del, xunto con Ferro Couselo, sae nos anos 60, a idea de celebrar o Día das Letras Galegas, o 17 de maio. En 1963 celébrase por primeira vez, adicándollo a Rosalía de Castro.
Cultivou diferentes xéneros, como a narrativa, pero sobre todo destaca a súa obra ensaística. Podemos citar, entre outras moitas, Historia da literatura galega, Galicia no espello, Dicionario de escritores en lingua galega. Coñecido tamén pola súa colaboración na prensa ata os últimos días da súa vida.
Foi un home que sempre levou a nosa lingua, a nosa cultura e a Galicia no seu corazón e na súa vida.

lunes, 29 de noviembre de 2010

Bilingüísmo restitutivo ou regaleguizador


Pareceume moi interesante a aportación de Henrique Monteagudo durante a conferencia no Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), onde fala sobre a situación social da lingua galego. El parte da situación real da nosa lingua. Existen dúas linguas na nosa sociedade. Unha é a lingua dominante e a outra está en inferioridade. Cando esta tenta gañar espazos da primeira, aparece o conflito, pois os que están na posición dominante tratan de impedilo.
Por outra banda, os galegofalantes somos todos bilingües. Podemos usar o castelán cando o necesitamos ou o consideremos oportuno. Isto non sucede da mesma maneira cos castelanfalantes.
Di Monteagudo que o monolingüísmo en galego fai que "asusten aos castelanfalantes e entorpece o seu achegamento. Polo tanto, é negativo.
Finalmente sinalar que son necesarias políticas de acción afirmativas (discriminación positiva) a favor do idioma que se atopa en situación desfavorable, o galego.