viernes, 24 de enero de 2014

Furioso



Oitenta e cinco ricos do mundo teñen tanto diñeiro como tres mil cincocentos setenta millóns de pobres. O 1 % das familias máis poderosas acaparan o 46 % da riqueza do mundo. En España, as 20 persoas máis ricas posúen unha fortuna similar aos ingresos do 20 por cento da poboación máis pobre. Son datos que deu a coñecer o pasado luns Intermón Oxfam. Non pasou nada. Os gobernantes continuaron coa súa vida rutinaria, anunciando a inocencia da infanta (¿farían o mesmo contigo?), falándonos de primas de risco, finanzas, Europa. Permítanme a furia. Que esta columna sentimental troque o seu título: columna de amargura. Porque non coñezo outro substantivo para escribir este vinte e tres de xaneiro. Amargo o mundo que entre todos construímos. Amargo o revés clamoroso de gobernantes e gobernados. Amargo o sabor dos días cando coñecemos datos tan plenos de oprobio e humillación do xénero humano. E pensamos que somos un mundo en progreso. Que avanzamos. Que sorteamos dificultades. É mentira. O ser humano é menos humano. Menos humanas as vidas. Os vínculos. Inhumanas as palabras. Eu son un fracasado. Coma ti, cómplice de cada xoves. Pertencemos a este mundo desenvolvido que é incapaz de desenvolver a tenrura, os abrazos, a solidariedade. Escribimos do corazón cando o corazón está na uci. Fracasan os gobernantes, a educación, os valores. Todos, en conxunto. Haberá que empezar a edificar un mundo menos pestilente. Este afógase na súa propia suciedade. E con el, inanes, perecemos todos. Este mundo sucio, insisto. Hostil, desfavorable, adverso, rudo, áspero. Furioso. E furioso, tristemente, escribo.

X. Carlos Caneiro. La Voz de Galicia. 23 de xaneiro de 2014


Concordo totalmente contigo, irmán. Onde está a solidaridade, a tenrura, os abrazos? Cada día somos menos humanos. Cales son os valores que transmitimos á mocidade...? Que educación temos,...? Eu tamén son un fracasado.... 

jueves, 16 de enero de 2014

FOISE UN AMIGO

Cando souben da noticia non daba creto. Non é xusto que unha persoa tan nova e vital, con tantas ganas de facer unha morea de cousas, nos deixe de repente, tan novo e para sempre. El é Óscar Sánchez Vidal, profesor de latín no IES das Lagoas en Ourense

Había tempo que non tiña contacto con el, pero non por iso o esquecera. Un amigo nunca se esquece. Creo recordar que a última vez que nos vimos fora alá polo 2010, nun curso que organizara eu  no CFR de Ourense para profesores de latín e grego.

Todos estes últimos días non deixo de lembrar aqueles anos en Compostela. El foi dende que comezamos na facultade de Filoloxía, en Mazarelos o meu amigo. Era o ano 1983. Aínda que eramos bastante diferentes, conectamos dende o primeiro momento. Cando digo o meu amigo, non quero molestar a outros que tamén o foron e a moitos máis compañeiros cos que compartimos aulas durante seis anos (incluído o CAP) entre 1983 e 1989 e que acabaron sendo e considero tamén amigos. Pero el e mais eu fomos compañeiros de aula, compañeiros de mesa na biblioteca, o que lle pasaba os apuntes un ao outro, se algún faltaba a clase, os que se axudaban a preparar os exames, colega con dous ou tres máis, dende primeiro, nos viños de mediodía na facultade de Historia e do Franco, colega de copas despois dos exames nas noites compostelás. Despois de dous ou tres anos xuntos, creo que xa todos os da clase, moi pequena, eramos amigos. Houbo un acontecemento que realizamos xuntos e que nos uniu fortemente en 4º: un Congreso en Madrid ao que acudiramos practicamente toda a clase. Aquela semana por Madrid os lazos entre nós ligáronos para sempre. Aparte das sesións intensas, fixemos moitas máis cousas. Visitamos o Museo do Prado e outros máis, o Retiro, visitamos Aranjuez e Toledo, incluso me acordo de ir ver o partido no Bernabeu entre o R. Madrid e o Bayern de Munich da Copa de Europa (ano 87), tamén coñecemos algo das noites da movida madrileña dos 80. (non puiden evitar remover nos álbums de fotos e mirar as que conservo daquela viaxe).















Astorga, 1985. Pepe, Arjones, Nerga, Mari, Serafín, Óscar, Rosende

Foi unha parada no camiño. Ía moito frío, a xulgar polos pelos, as caras. Ao lado desta foto tiña posto “Mocedades”.

Madrid, 1987. Óscar, Pepe, Clara, Serafín (sentados). Mari, Nerga, Abilleira.

Era na entrada do xardín botánico. Parece que estabamos cansos despois te tanta visita.
  



  










Tertulia no Café Gijón,Madrid. 1987. Clara, Arjones, Óscar, Inma, Mari, 
Pepe, Nerga, Abilleira, (a seguinte non a lembro), Serafín.

Moitos tiñan cara de intelectuais como os das famosas tertulias.


Lembro nitidamente cando nun verán o meu amigo apareceu nas festas do 15 de agosto do ano 85 ou 86 en Entrimo, ou mellor, en Venceáns para pasar dous días na miña casa. Creo que foi o único dos compañeiros que visitou a miña aldea e outros lugares do Xurés, como a praia fluvial dos Aguinchos, agora sepultada polo encoro.






















Aguinchos, Entrimo. 1985. Serafín, Juan Luis, Rogelio, Castor, Óscar.

Visita e merenda neste  recreo fluvial cos meus veciños-turistas. Un estaba en Francia, outro en Barcelona, outro en Andorra.

Despois de acabar a carreira, no seguinte ano seguimos todos xuntos, durante o curso do CAP. Eu ese ano compaxínabao con varias materias de 3º e 4º de Filoloxía galega, algo que xa me roldaba pola cabeza dende dous ou tres anos antes. Eles preparaban a oposición. A partir de aí, cada un foi indo polo seu camiño e en poucas ocasións se cruzaron.  Uns como profes de latín, outros de grego. Eu cambiara as declinacións por cláusulas e oracións; a Virxilio, Horacio, Sófocles, Cicerón, ..., por Rosalía, Otero, Castelao, .... Isto fixo que en moi poucas ocasións coincidira cos meus amigos de clásicas. Ademais, o feito de vivir no retiro apartado de Monterrei, fai que houbera menos puntos para encontrarnos. Así e todo, nos primeiros anos coincidín co meu amigo en diferentes reunións de traballo e tamén compartimos algún que outro café. Toda ocasión era boa para falar e lembrar entrañables momentos e amigos de carreira.

Podería estar escribindo páxinas e páxinas; podería seguir contando feitos, anécdotas, bos momentos que pasamos xuntos durante horas e horas. Mais só quero dicir que dende agora me falta unha persoa, das mellores, que coñecín e coa que compartín unha boa etapa da miña vida, sobre todo da miña inesquecible etapa compostelá. Non lembro ningún mal momento, enfado, discusión con el. Só teño bos recordos del. Sempre contei co seu apoio. Sempre tiven a súa axuda nos momentos que o precisei. Graciñas, onde esteas e se podes vernos e escoitarnos, por ser MEU AMIGO.
Unha forte aperta e moito ánimo, Eva.

Serafín















.