viernes, 4 de junio de 2010

DÍA DO MEDIO AMBIENTE


Mañá celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Coincidindo con dita conmemoración vanse celebrar en Santiago na tarde do venres 4 e o sábado 5, as "Xornadas da Axenda 21 Escolar de Galicia. Educando pola sostibilidade nos centros educativos". Alí imos estar máis de 200 profesores de toda Galicia, asesores de formación, persoal da Consellería de Medio Ambiente e expertos na materia de Asturias, País Vasco e Cataluña.
O proxecto da Axenda21 Escolar de Galicia, partiu da Consellería de Medio Ambiente, pero vai dirixida aos centros educativos. Neste momento son máis de 45 colexios de primaria e secundaria os que están participando. O que se pretende con este programa é revisar a práctica educativa dos centros para formar ás xeracións futuras: formar cidadáns responsables que adquiran unha serie de valores, actitudes, hábitos e comportamentos (capaces de participar democraticamente no medio, de tomar decisións e de asumir responsabilidades). Hai centros que xa levan 4 ou 5 anos traballando no tema. A filosofía da A21 impregna a práctica diaria do centro. Está recollida nos seus documentos (Proxecto Educativo); participa un elevado número de profesores, alumnos, PAS; está na programación de moitas materias.
Non se trata de facer actividades medioambientais, senón de cambiar a metodoloxía na liña da interdisciplinaridade, das estratexias de aprendizaxe colaborativa e na acción curricular conxunta.
A través deste proxecto axudamos a implementar a LOE. Vanse traballar moitas das competencias que o alumnado debe adquirir: interacción co medio físico, social e cidadá, autonomía e iniciativa persoal e tamén dalgunha medida outras como a comunicación lingüística, competencia dixital, aprender a aprender, etc.
Parabéns para todos os centros participantes e ánimo aos demais para que o fagan.