jueves, 25 de febrero de 2010

"Podría ser ... gallego"


"Quosque tandem, RosaDíez, abutere patientia nostra?" Todo ten un límite. Hai quen sen ser nada, se cre o centro do universo. Isto debe pensar esta señora polas declaracións que fai a miúdo. Non é para menos, pois un partido residual, que unicamente ten UN diputada (déixoo en femenino porque é Rosa), e a importancia que se lle dá en todos os medios de comunicación, como se fose o terceiro partido no Estado, non me estraña que se lle suban os fumes á cabeza. O certo é que nunca entendín esa relevancia deste partido minúsculo(reitero unha diputada nas Cortes). Hai outros moitos partidos que teñen moitos máis diputados ca UPyD, e apenas aparecen nos medios. Pensemos en CIU, PNV, CC, BNG, IU e todos os demais partidos que teñen un diputado. En ningunha televisión vexo os seus representantes. Nas noticias, cando saen os diputados na tribuna de oradores, aparecen os que lograron grupo propio (5 diputados ou máis), os outros as televisións nunca os sacan, salvo á señora Rosa Díez. Se alguén sabe cal é a razón, agredeceríalle que mo explique. Eu reitero que non logro entender o "peso" e relevancia que ten o seu partido. Non vou entrar, evidentemente, na súa ideoloxía. Unicamente sabía que está en contra do idioma galego (xa a vimos en actos e certas manifestacións hai algún tempo), pero non sabía que se ría e mofaba de todos os galegos e de Galicia. Agora resulta que non temos sentido do humor. Manda carallo na Habana. Espero que rectifique e pida desculpas polos insultos emitidos contra nós. Todos os galegos debemos esixirllo.

martes, 2 de febrero de 2010

"Libro sobre rodas"


Onte, todos os cidadáns de Verín tivemos ocasión de entrar no autobús "Libros sobre rodas". Alí estaba o Director Xeral de Promoción e Difusión de Cultura, D. Francisco López-Barxas, natural de Monterrei, o escritor verinense, X. Carlos Caneiro, o alcalde de Verín, D. J.M. Jiménez Morán.
A verdade é que nun día tan luminoso e soleado neste frío primeiro de febreiro, daba gusto estar na praza no acto de promoción do libro e da lectura. Todo o que se faga neste eido é digno de louvanza. Lástima que non se realicen nos coles, sobre todo entre os máis pequenos, pois en ningún centro educativo se enteraron do acto. A media tarde o autobús xa non estaba na praza. Recordemos que a lectura haina que inculcar dende moi cedo, dende idades moi novas. Creo que o simple feito de que os nenos pasaran polo autobús, coas luces, sons, novas tecnoloxías e, o máis importante, sinatura e frase, lema, reflexión sobre a lectura, e logo un pequeno agasallo, sería moi positivo para eles.
A iniciativa creo que foi boa, pero os froitos, a repercusión nos cidadáns e, sobre todo, na poboación infantil e xuvenil, foi moi escasa, por non dicir nula.