viernes, 29 de enero de 2010

CHEGAREMOS A XUBILARNOS?


Parece que cada vez a xente se vai xubilar máis tarde. Se cadra, algúns, xa non chegaremos a cobrar, pois cada pouco van aumentando a idade para retirarse. Talvez, teremos que traballar ata que non poidamos máis ou vaiamos para o outro mundo, como pasaba hai anos. Agora a xente maior era a que máis viaxaba, sobre todo, en determinadas épocas do ano. Xa sabemos esas axudas que o goberno lles dan para incentivalos. Pero, se nos seguen aumentando os anos que temos que traballar, os que andamos nos 40 ou algo máis, polo menos quedarán máis de outros tantos como levamos currando, (e xa son case 20). Nós xa non poderemos disfrutar desa vida, como os de hoxe. Se facemos contas, teremos unha vida laboral de case 50 anos. Aturaremos tanto? Non se resentirá o noso lombo? Eu xa estou mentalizado para ir ao curre ata os 70. Si, xa sei que hoxe hai moitos profesionais, médicos, profesores, etc que xa o fan. Teñen todo o dereito e paréceme ben, sempre que as súas condicións físicas e mentais llo permitan. Pero, que todos, por lei, o teñamos que facer, é moi debatible.
Por outra banda, hai moitos sectores con prexubilados aos 55. Como se entende iso? Xente de profesións que non requiren grande esforzo físico e que están perfectamente de saúde. E aínda máis, xubílanos á forza. Recordemos casos de profesionais da televisión, a banca, industria do automóbil ou naval, etc. Esta xente con esa idade, experiencia, formación adquirida, supónse que están na mellor época da súa vida. Por que os xubilan entonces? Non hai unha certa contradición?

jueves, 28 de enero de 2010

ALMACÉN NUCLEAR


Estes días é a noticia nos medios e tema de debate nas tertulias. Por unha banda, parece que ninguén quere este tipo de almacéns na súa zona, sexa do partido que sexa. Pero por outro lado, apareceron dous ou tres concellos ou alcaldes que están moi interesados, argumentando que non supón ningún tipo de risco para a poboación e que os beneficiará considerablemente en canto a inversións e postos de traballo que se van crear. Estes alcaldes, de distintos partidos, están dispostos a ser expulsados dos seus partidos por defender tales propostas. Por certo, algún partido manifestouse publicamente a favor da enerxía nuclear e logo algún dirixente seu, non está a favor de que se ubique na súa comunidade o almacén de residuos. Parece contraditorio, pois o lixo que xeneramos en algún lugar o haberá que botar. Ou llo imos levar a outros países, Francia, ou o tiramos á Fosa Atlántica fronte ás costas galegas como se fixo no pasado?
Moitos nos preguntamos se non hai outro tipo de enerxía menos perigosa e contaminante. Enerxía eólica, solar, biomasa, etc. Non é suficiente? Non é rentable? Debemos investigar máis sobre elas? Ata agora temos unha enorme dependencia do petróleo. Todos sabemos que nuns anos, esgotarase. Para entón, só nos queda como alternativa a enerxía nuclear?

martes, 26 de enero de 2010

Ferrín e a RAG


Dende o 23 de xaneiro de 2010 a Real Academia Galega conta cun novo presidente. Para todos os que amamos a lingua e a literatura galega e a cultura en xeral, é un honor que a máis importante institución das nosas letras estea presidida polo mellor escritor vivo da nosa literatura. Persoa comprometida co idioma dende sempre, intelectual do mais alto nivel, brillantísimo poeta e narrador. Congratulámonos por dar este paso adiante, quen fuxiu durante moitos anos de asumir responsabilidades, sobre todo, relacionadas con traballos burocráticos.

Nestes tempos de debate sobre o Decreto do galego, a Consellería debería ter moi en conta a opinión da RAG. Nela están os intelectos máis lúcidos das nosas letras. O informe que elaboraron non vai en contra de ninguén, senón, simplemente, en defensa da lingua de Nós, lingua, aínda non normalizada, e que, igual que a muller na sociedade actual, merece unha descriminación positiva para que sobreviva neste mundo globalizado. Debemos prestixiar o idioma, e sobre todo, entregarllo aos nosos fillos como a máis prezada herdanza. Esta é a clave: a transmisión xeracional.

Seguro que o presidente da RAG (Xosé Luís Méndez Ferrín) e os outros que están ao fronte, F. Fernández Rei, M. González, X. Ferro Ruibal e todos os demais da Academia, expertos lingüístas, escritores, historiadores, farán todo o que lles sexa posible para que a nosa lingua "dure mil primaveras máis".

Parabéns a Ferrín, á Academia e ás Nosas Letras!!